Nova
04/12/2023
Institucionais

Lete Lasa confía en que o Burela volverá reinar en Europa na Champions feminina que se disputará do 18 ao 22 de decembro en Vista Alegre

O secretario xeral para o Deporte subliña o excelente estado de saúde do fútbol sala nacional e autonómico e lembra a vitoria do mellor equipo do Mundo de fútbol sala feminino -o Burela- en 2021 nesta mesma competición celebrada en Lugo

 

Burela (Lugo), 4 de decembro de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na presentación da Futsal Women’s European Champions 2023 que terá lugar en Burela do 18 ao 22 de decembro. Nesta posta de largo, Lete Lasa destacou o gran estado de forma do fútbol feminino galego que vén de vivir en Pasarón unha gran festa na que 9.000 persoas -na súa maioría nenas e mozas que xogan ao fútbol en Galicia- asistiron a un partido oficial da vixente campioa do Mundo, a selección española feminina. Neste sentido, o mandatario galego salientou que, dende 2009, as licenzas femininas da Real Federación Galega de Fútbol -que na súa totalidade xa sobrepasan as 100.000- multiplicáronse por tres ata chegar a preto das 10.000, o 10% do total. No caso do fútbol sala, apuntou que a proporción é aínda maior, representando as mulleres o 15% das 17.000 persoas que xogan ao fútbol sala de xeito federado en Galicia.

Por iso, Lete Lasa destacou eventos como esta nova edición da Futsal Women's European Champions que acollerá Burela no pavillón de Vista Alegre do 18 ao 22 de decembro e no que se darán cita o propio equipo burelá -escollido como o mellor equipo do Mundo por Futsal Awards en 2021 e 2022- xunto co Bitonto C5 Femminile (Italia), o SL Benfica (Portugal) e o FC Marléne (Holanda). Unha oportunidade fundamental para volver reivindicar o papel tan importante do deporte feminino e que os nosos nenos e nenas poidan mirarse no espello de grandes xogadoras como Cami, Emily, Jozi ou Dany.

O secretario xeral para o Deporte salientou o bo nivel do fútbol sala español cuxa selección nacional gañou todas as edicións celebradas da Eurocopa feminina (2019, 2022, 2023). Nestes éxitos, o fútbol sala galego sempre estivo abundantemente representado con futbolistas da talle de Vane Sotelo, Luci Gómez, Silvia Aguete, Cecilia Puga, Antía Pérez ou Ale de Paz. A nivel de clubs, Lete Lasa destacou a fazaña do Burela que vén dominando o panorama panorama nacional e internacional nos últimos anos sumando cinco Ligas, seis Copas, cinco Supercopas, sete Copas Xunta de Galicia, un Recopa e unha Champions. Do mesmo xeito destacou o seu bo facer máis alá do aspecto deportivo, asinando o primeiro convenio colectivo do fútbol sala feminino.

Precisamente, Lete Lasa lembrou a edición de 2021 desta competición que se celebrou en Lugo e na que o Burela impúxose aos equipos femininos campións de Rusia, Croacia, Portugal, Ucraína e Italia e lembrou que en 2019 tamén se coroou no 4 Nations Futsal de Milán.

O secretario xeral sacou a colación os datos do Programa Xogade que, nun dos seus mellores momentos históricos, ten ao fútbol como unha das disciplinas máis numerosas sumando a metade (50.000) de todos os nenos e nenas de entre 6-16 anos que practican deporte federado (100.000). Para todos estes nenos e nenas, así como para os inscritos no Xogade, en xaneiro de 2024 porase en funcionamento o Bono Deporte que axudará ás familias destes rapaces e rapazas cunha axuda de 120 euros para gasto deportivo.