Nova
05/01/2023
Institucionais

Lete Lasa confía en Rubén Fernández como gran protagonista na tempada 2023 da categoría raíña do motocross mundial

Ratifica o apoio do Goberno galego á carreria deportiva de Rubén Fernández que nos últimos dous anos recibiu máis de 20.000 euros en axudas

Vigo, 5 de xaneiro de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu na mañá de hoxe ao piloto de motocross Rubén Fernández que rematou a tempada 2022 no oitavo posto da máxima categoría mundial MXGP. O mandatario galego destacou o grande nivel do motociclismo galego e, nomeadamente, o do motocross con dous galegos competindo na categoría raíña e co lucense Jorge Prado acadando, este mesmo ano a terceira posición xeral.

Lete Lasa destacou asemade a excelente campaña do piloto vigués que acadou dous terceiros postos e chegou a transitar na terceira posición xeral a inicio de ano. Do mesmo xeito, felicitou a Rubén Fernández pola súa nova fichaxe polo equipo Honda Racing Team do vixente campión Tim Gasjer o que o converterá “nun dos grandes protagonistas da tempada 2023”.

Por último, o mandatario galego ratificou o apoio do Goberno galego á carreria deportiva de Rubén Fernández que nos últimos dous anos recibiu máis de 20.000 euros en axudas.