Nova
29/10/2020
Institucionais

Lete Lasa defende o traballo “consensuado e coordinado” da Xunta que construíu unha realidade deportiva segura con “protocolos, tests e máscaras”

  • Fai un repaso de todo o que leva feito a Secretaría Xeral para o Deporte no que respecta á contención do virus nos últimos sete meses nos que “o deporte galego non deixou nin un só minuto de traballar”

Santiago, 28 de outubro de 2020.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu na mañá de hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para explicar as actuacións do departamento ante a situación xerada pola Covid-19 e a situación actual do deporte galego. Alí asegurou que a pesar da situación actual no contexto do Estado, “Galicia resiste como unha das catro comunidades coas mellores cifras en canto a incidencia do virus, porque fixemos moitas cousas e moitas cousas ben”. “E o deporte galego sabe moito de traballo ben feito”, sentenciou.

Neste sentido, o secretario xeral fixo un repaso de todo o que leva feito a Xunta desde a Secretaría Xeral para o Deporte no que respecta á contención do virus nos últimos sete meses nos que “o deporte galego non deixou nin un só minuto de traballar”. En liñas xerais, Lete Lasa destacou o consenso nas decisións tomadas “con todo o tecido deportivo galego”; o seu fundamento en “regras e criterios de expertos”; así como a priorización da “protección e a saúde da nosa poboación, cun escrupuloso control das autoridades sanitarias”.

O mandatario galego destacou as reunións levadas a cabo con todos os membros do sector tanto no contexto local, autonómico ou nacional e enumerou as actuacións que permitiron ao deporte soportar de mellor xeito a pandemia como o anticipo dos pagos dos convenios con todas as federacións deportivas de Galicia -en marzo xa tiñan abonados os importes- ou o mantemento íntegro das ordes subvencións. No que atinxe á actividade ordinaria da Secretaría Xeral, Lete Lasa destacou o pulo ao deporte de alto nivel, acadando o maior número de deportistas de alto nivel (521 grazas a prórroga dos recoñecementos), as bolsas DGAN e sobre todo, o novo decreto, unha das normas máis actuais e completas do Estado.

Lete Lasa informou tamén do novo Plan de patrocinio da Fundación Deporte Galego e da alianza con ABANCA durante cinco anos máis por un total de 5 millóns de euros, así como do primeiro Plan de patrocinio dos Equipos de Alta Competición Femininos.

O Programa Xogade xa conta cun novo seguro para as vindeiras dúas tempadas para que todos os nenos galegos poidan realizar a práctica deportiva de xeito seguro sen repercutir o gasto da póliza nas familias. Cómpre salientar tamén a reactivación da Escola galega do deporte, coas primeiras actividades formativas desde hai dez anos; o convenio asinado coa UFEDEGA para desenvolver actuacións de formación ou a participación e o liderado en iniciativas como as ‘Píldoras Solidarias’ ou ‘Adestra na Casa’, ferramentas chave para os deportistas durante o confinamento.

70 protocolos

O CGTD reabriu as súas portas o 11 de maio cun protocolo básico de actuación e comezou o novo curso cun total de 168 prazas concedidas, un 5% máis con respecto ao curso anterior. O CGTD “é un espazo seguro coa realización de tests serolóxicos cada dúas semanas”. Son estes protocolos, “o esforzo máis importante levado a cabo xunto ás federacións e a todo o tecido deportivo”. O pasado 15 de xuño cando Galicia saía do estado de alarma como a primeira comunidade en facelo, a Secretaría Xeral para o Deporte xa contaba co protocolo FISICOVID-DXTGALEGO para facer fronte á crise sanitaria. Desde finais de setembro, todas as modalidades deportivas de Galicia contan co seu protocolo básico de actuación. “A Secretaría Xeral para o Deporte leva realizado e aprobado preto de 70 protocolos entre os das federacións, o do programa Xogade, o do CGTD, o do CGV, o de Verducido, o de Monterrei, o de Acea da Ama, o dos nosos pavillóns e o dos nosos complexos deportivos”, recalcou. Un traballo ao que hai que sumar a elaboración das Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’ cos expertos das universidades para poñer á disposición de federacións, clubs, profesores e adestradores suxestións con base científica que permitan acelerar a volta á normalidade na práctica da actividade deportiva.

Espírito de coordinación

O secretario xeral gabou “a capacidade de adaptación que demostrou o deporte galego nos últimos meses” e o seu “exemplo de coordinación, colaboración, responsabilidade e decisión”. Así destacou o Foro de Reactivación do Deporte Galego, constituído pola Xunta o pasado 16 de outubro ou a Comisión non permanente de estudio sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da Covid-19 onde o deporte debe estar incluído como un dos sectores a avaliar pola súa importante contribución á economía. Ademais apuntou que, segundo o aprobado por todos os grupos do Parlamento a pasada semana, a Xunta creará “unha liña de apoio económico para a adaptación das entidades deportivas aos protocolos sanitarios”.

O mandatario galego destacou a importancia destes acordos polo “escenario cambiante e a irregular evolución da pandemia” e destacou que a Xunta “respondeu en todo momento ás necesidades da poboación, sendo restritivos cando era necesario e posibilitando actividade cando entendemos que podiamos facelo sen poñer en risco aos galegos”. “Así nos comportamos desde a Secretaría Xeral para o Deporte en todo aquilo que entraba dentro das nosas competencias e mesmo tomando decisións que lles correspondían a outros”, dixo.

Ao abeiro desta idea, o secretario xeral lembrou as reiteradas peticións ao Consejo Superior de Deportes respecto á atención do deporte non profesional de ámbito estatal xa que máis de 200 equipos galegos estaban a ser ignorados. A presión da Xunta desembocou no protocolo para o deporte non profesional de ámbito estatal, publicado 4 meses despois do protocolo básico que só podía cumprir o deporte profesional. Non obstante, este protocolo, dixo o secretario xeral, estaba incompleto porque non esclarecía a necesidade da realización de probas de detección do virus nin o seu financiamento, polo que a Xunta aprobou a Orde pola que os equipos e deportistas das competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal que poidan implicar contacto deben pasar “tests serolóxicos ou probas similares”.

O secretario xeral foi categórico neste punto: “a Xunta ten moi clara a súa posición respecto a este tema. Tomaremos todas as medidas necesarias para protexer a saúde da nosa poboación e dos nosos deportistas”. Para amosar a gravidade do problema, enumerou a lista de partidos de ámbito estatal suspendidos que afectaron a equipos galegos desde a reactivación do deporte e fixo especial fincapé no caso da Liga ASOBAL na que o Cangas e o Cisne chegaron a contar con 21 e 7 positivos respectivamente. “Non realizar tests serolóxicos ou probas similares a ambos os dous equipos antes destes partidos é un auténtico disparate”, explicou. Po iso, engadiu, “insistiremos ante o CSD na necesidade dun pacto común no que quede clara a esixencia destes tests en todo o contexto do Estado, así como o seu financiamento”. “Os tests detectan e a máscara, protexe”, resumiu.

 

O uso da máscara

Segundo a Orde do 17 de setembro aprobada pola Xunta, para a actividade deportiva federada autonómica é preciso o uso da máscara, sempre que non se poida manter a distancia de seguridade e esta se realice en interior. O secretario xeral identificou esta medida como a “maior seguridade que podemos ofrecer aos nosos deportistas”. A pesar de entender “a crispación inicial e a evidente sensación de fastío dos deportistas”, a máscara “protexe e non é nociva para a saúde”. Varios informes de expertos universitarios e de organizacións como a Sociedad Española de Medicina del Deporte establecen que a máscara é a solución para diminuír as probabilidades de contaxio polo que se recomenda o seu uso tanto en adestramentos como en competición e que ademais, “non existe ningunha evidencia de que o uso da máscara cirúrxica teña efectos prexudiciais para a saúde” nin a constatación de “ningún efecto secundario en repouso nin en exercicio”.

Medio milleiro de espectáculos deportivos

Na súa réplica, o secretario xeral apoiou de novo ao tecido deportivo galego “porque é a súa responsabilidade a que permite que o deporte galego non se pare”. Dende que Galicia abandonou o estado de alarma, leváronse a cabo “máis de medio milleiro de espectáculos deportivos, entre os que destacan máis de 80 campionatos galegos, preto de 40 probas ou campionatos de España, o inicio dunha trintena de Ligas estatais ou unha decena de eventos de primeiro nivel internacional”. “Soster que o deporte galego está paralizado é negar a realidade”.

Cara a fin da súa intervención, o secretario xeral asegurou que “todo o deporte que se practica en Galicia está protexido e a responsable desa protección e coidado é a Xunta de Galicia na gran maioría dos casos”. “O deporte en Galicia será con protocolos e con tests ou con máscaras ou non será”, concluíu.