Nova
08/04/2022
Institucionais

Lete Lasa define a Sasha Malov como "unha das xoias do deporte galego" e destaca a súa precocidade "que o converterá no deportista de alto nivel máis novo"

O rapaz do Oroso TM vén de acadar a medalla de ouro no torneo WTT Youth Contender de Túnez

Santiago, 8 de abril de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa,    recibiu hoxe ao deportista de tenis de mesa galego benxamín -sub11- Sasha Malov que vén de acadar o top 5 mundial da Federación Internacional de Tenis de Mesa (ITTF) tras a súa brillante actuación no torneo WTT Youth Contender de Túnez, onde apañou a medalla de ouro. Lete Lasa asegurou que o rapaz representa “unha das xoias do deporte galego e o futuro do tenis de mesa nacional”. 

O mandatario galego lembrou a importancia dos “bos hábitos que os máis maiores transmitimos aos máis pequenos e sinalou o caso de Sasha, xa que os seus pais, tanto Valeri Malov coma Nuria Castro, foron xogadores de tenis de mesa e agora adestran ao seu fillo con notables resultados”. Neste sentido, tamén gabou o papel do seu club o Oroso TM.

Lete Lasa asegurou que a Xunta de Galicia apoiará a carreira do galego afincado en Oroso e na vindeira comisión para o deporte galego de alto nivel, no mes de xuño, o rapaz será recoñecido como deportista de rendemento base, unha categoría creada ao abeiro do novo decreto DGAN que xa conta con preto de 60 beneficiados. De entre todos eles, Sasha Malov, que vén de cumprir dez anos no pasado mes de marzo, será o máis novo.