Nova
16/02/2024
Institucionais

Lete Lasa destaca ao Froiz como o mellor equipo elite sub23 da historia e asegura que en 2024 volverá aos primeiros postos do ranking

O secretario xeral para o Deporte destaca a “resiliencia, superación, esforzo e traballo” do Froiz que soubo levantarse dunha primeira derrota en 1998 para acabar sendo referente no ciclismo masculino, feminino e tamén no adaptado

Pontevedra, 16 de febreiro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou na mañá de hoxe na presentación da tempada 2024 do Grupo Deportivo Supermercados Froiz. O mandatario galego destacou a evolución do equipo de ciclismo dende a súa fundación en 1987 e puxo ao Froiz como un exemplo de “resiliencia, superación, esforzo e traballo”. Neste sentido, lembrou, a primeira competición de ciclismo de estrada disputada polo equipo pontevedrés -a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña de 1998- na que ningún corredor do Froiz conseguiu rematar a carreira e salientou como Magín Froiz e Evaristo Portela traballaron dende aquela derrota para construír o que hoxe é, por méritos propios, “o mellor equipo elite sub23 da historia”

Lete Lasa destacou o récord do Froiz que conta con oito anos sendo campión da clasificación elite sub23, dos cales sete foron de maneira consecutiva -2008, 2009, 2010, 2011, 2012, 2013 e 2014-, “algo que ningún outro equipo conseguiu e que será moi difícil de volver facer”. O secretario xeral para o Deporte resaltou ao Froiz como un equipo de todas e de todos e salientou a importancia de contar, ao longo da súa historia, con algúns dos mellores deportistas de ciclismo adaptado como César Neira ou José Enrique Porto. Do mesmo xeito puxo de manifesto a importancia de contar cun equipo feminino de ciclocross dende hai tres anos do que xa saíron grandes ciclistas con gran futuro como Aroa Otero.

O secretario xeral destacou o incremento das licenzas deportivas de ciclismo que hoxe xa suman preto de 8.500 en Galicia, sumando tamén as de cicloturismo, cando en 2009 eran tan só 1.700. Lete Lasa tamén sinalou a importancia de contar cun dos mellores equipos profesionais feminino, como o Team Farto BTC, o que posibilita que as licenzas femininas tamén medren e, como indica o Barómetro da Bicicleta, que hoxe máis da metade das mulleres usen a bicicleta en España. Do mesmo xeito, Lete Lasa lembrou a importancia das 33 etapas da Vuelta Ciclista a España que pasaron por Galicia nos últimos dez anos e as catro etapas galegas recentemente anunciadas para a ronda española de 2024. Asemade, a terceira edición da carreira profesional ‘O Gran Camiño 2024’ volverá traer a Galicia neste mes de febreiro aos mellores equipos do mundo.