Lete Lasa destaca a evolución do fútbol feminino nos últimos anos ata chegar ao cumio máis alto coa primeira galega campioa do mundo, Tere Abelleira
O secretario xeral para o Deporte destacou a Tere Abelleira non só como campioa mundial, senón tamén como a mellor xogadora de todo o campionato segundo a estatística dos seus pases e minutos xogados
Pontevedra, 25 de agosto de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, recibiu no estadio de fútbol do Centro Príncipe Felipe de Pontevedra á futbolista galega Tere Abelleira que vén de proclamarse campioa do Mundo de fútbol coa selección española feminina en Australia e Nova Zelandia. Nas súas verbas, Lete Lasa “destacou a evolución do fútbol feminino nos últimos anos ata chegar ao cumio máis alto coa primeira galega campioa do Mundo”. Con motivo desta recepción, o secretario xeral para o Deporte, entregou a Tere Abelleira unha placa conmemorativa en nome da Xunta de Galicia.
Neste sentido, o mandatario galego destacou a outras grandes futbolistas galegas como Mari Paz Vilas, que foi quen de marcar nun partido coa selección española ata sete goles e é a máxima goleadora histórica do Valencia; Vero Boquete, a primeira muller española en gañar a Champions League e que lle dá nome ao estadio de Santiago; ou Nuria Rábando, vixente campioa da Champions League co Barcelona. Para Lete Lasa, todos os esforzos e sacrificios que teñen feito as mulleres futbolistas para acadar unha maior igualdade, adquiren, grazas á medalla de Tere Abelleira, maior sentido e amósanos que moitos ámbitos da sociedade están a cambiar. Neste sentido, Lete Lasa lembrou a figura de Irene González, galardoada coa distinción ao mérito deportivo da Xunta de Galicia o pasado mes de outubro a titulo póstumo que, hai cen anos, converteuse na primeira xogadora de fútbol de España.
Lete Lasa destacou a Tere Abelleira non só como campioa mundial, senón tamén como a mellor xogadora de todo o campionato segundo a estatística dos seus pases e minutos xogados. Hoxe, dixo, “Tere recolle o legado de tantas mulleres que iniciaron o camiño para motivar e animar a facer deporte a tantos nenos e nenas de Galicia que queren seguir os seus pasos”.