Nova
19/10/2021
Institucionais

Lete Lasa destaca a hexemonía do surf galego, ano tras ano, con campións da talle de Esperanza Barreras, Guillermo Carracedo e Carlos Dopico

Pon o acento nos deportistas galegos de surf que levan conseguindo grandes resultados nos últimos anos desde pioneiros como Gony Zubizarreta ou Vicente Romero ata estes tres novos campións de España

Santiago, 19 de outubro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de recibir aos deportistas da Federación Galega de Surf que se proclamaron recentemente campións de España nas súas diferentes especialidades. O mandatario galego asegurou que, Esperanza Barreras, Guillermo Carracedo e Carlos Dopico son a “clara mostra da hexemonía galego nos deportes náuticos en xeral, así como en todas e cada unha das vertentes so surf, o que converte a Galicia nunha terra polideportiva, multidisciplinar e diversa con grandes referentes para todos os nenos e nenas”.

Lete Lasa lembrou que Galicia xa conta con grandes eventos como o Pantín Classic, o Junior Qualifying Series 1.000 Gadis Pro Ferrol ou o Campionato de España de Surfing que se vén de celebrar por oitava vez consecutiva en Galicia. Ademais, Lete Lasa puxo o acento nos deportistas galegos de surf que levan conseguindo grandes resultados nos últimos anos desde pioneiros como Gony Zubizarreta ou Vicente Romero ata estes tres novos campións de España”.

A nigranesa Esperanza Barreras vén de proclamarse campioa de España de SUP (stand up paddle) longa distancia en Nigrán. Neste ano tamén acadou os campionatos de España de SUP velocidade e SUP carreira técnica. Dentro dos seus maiores éxitos está o bicampionato mundial de SUP longa distancia e o subcampionato Eurotour que vén de acadar nesta última tempada. Esperanza é deportista de alto nivel (DAN) e actualmente tramita a documentación para ser deportista galega de alto nivel (DGAN).

Guillermo Carracedo (Muros) proclamouse campión de España de SUP ondas en Xixón por cuarta vez consecutiva. No ano 2019 acadou a quinta praza no mundial da súa disciplina. Guillermo é deportista galego de alto nivel (DGAN), así como deportista de alto nivel (DAN).

O coruñés, Carlos Dopico é o primeiro campión de surf adaptado galego da historia. Acadou o seu título no Campionato de España de surf adaptado que se vén de celebrar en Nigrán. Carlos atópase en pleno proceso de recoñecemento como deportista galego de alto nivel (DGAN).

Os tres deportistas preparan xa os seus respectivos mundiais de cara a esta nova tempada.