Nova
10/06/2019
Institucionais

Lete Lasa destaca a María Bernabéu e a Niko Sherazadishvili como “faros de luz que marcan o camiño do barco do judo galego en dirección a Toquio”

Gaba o traballo do presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, “o capitán do barco do judo galego, unha persoa de traballo constante e que ten moito que ver en que María e Niko pertenzan xa a familia de Galicia”

Sanxenxo (Pontevedra), 8 de xuño de 2019.- 

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na noite de hoxe na vixésimo terceira cea gala da Federación Galega de Judo e sexaxésimo aniversario do judo galego celebrado no Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo. Alí, destacou a María Bernabéu e a Niko Sherazadishvili -premiados como os mellores deportistas feminino e masculino 2018- como “faros de luz neste camiño para todos os que veñen detrás”. “A súa decisión de escoller Galicia benefíciaos a eles en primeiro lugar pero tamén favorece a toda a nosa sociedade. Nós seguiremos traballando para conseguir novos mariñeiros que se suban ao barco do judo galego, un barco sae hoxe deste fermoso porto de Sanxenxo, dirección Toquio”, concluíu.

Neste sentido, ao inicio do seu relatorio, Lete Lasa salientou á salmantina e ao xeorxiano como “dúas persoas que naceron noutra terra que non era Galicia para virse empadroar aquí, que pertencen a un club galego e que son os dous mellores judokas da historia de Galicia e dous dos mellores judokas do mundo neste momento”. María e Niko decidiron peregrinar a Galicia por motivos “estritamente deportivos, algo que como responsables da administración do deporte galego, énchenos de orgullo”. O mandatario galego insistiu en que, para Galicia, é “un orgullo e un honor ter a dous referentes deste calibre no equipo do deporte galego”.

Nas súas verbas tamén gabou o traballo do presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, a quen describiu como “o capitán do barco do judo galego, unha persoa de traballo constante e que ten moito que ver en que María e Niko pertenzan xa a familia de Galicia, da Federación Galega e do Club Famu de Vigo”.

Cara a fin do seu discurso, Lete Lasa destacou que Galicia é a terceira comunidade con maior número de licenzas, un total de 9.314 judokas galegos que representan un 27% máis que en 2009. “A Xunta de Galicia vai seguir apoiando este deporte que nos convenios de colaboración que asinamos con todas as federacións deportivas sobe un 13,12% ata acadar os 138.079 euros”, informou.

Premiados

O secretario xeral para o Deporte fixo un repaso polos principais premios como foron os de mellor judoka promesa, Laura Martínez Abelenda, e mellor judoka revelación, Laura Vázquez Fernández. “O deporte de base é o que nos garante que o día de mañá teremos unha sociedade activa e saudable, obxectivo prioritario de toda administración”, dixo.

Asemade destacou o premio ao mellor profesor, Joaquín Ruiz Llorente, “un premio que recoñece o labor de quen imparte valores tan importantes como o desenvolvemento da autoestima, da psicomotricidade, do autocontrol, da expresión da afectividade ou o respecto ao contrario” así como o premio ao mellor árbitro, Enrique Ortega González, “porque impartir xustiza con equidade é outro dos valores deste deporte tan nobre”.

O mellor club foi o Famu de Frutos de Vigo, os mellores deportistas nas especialidades de jiu-jitsu, wushu e aikido foron Felipe Iglesias, Ezequiel Gago e Francisco Amador, respectivamente e o premio seareiro de ouro levouno Rubén López.

Por último salientou a importancia dos premios ás institucións e administracións, “responsables de que o deporte siga avanzando grazas a aposta que facemos por unha vida activa e saudable”. Os premiados foron o Concello da Coruña, a Deputación de Pontevedra, Ediprem Solucións Promocionais e o Faro de Vigo pola súa labor de difusión.

A Secretaría Xeral para o Deporte recibiu o premio á mellor institución pública 2018. “Un premio que reforza o noso compromiso e impúlsanos a continuar traballando máis e mellor en prol do judo galego”, anunciou o titular de Deporte.