Nova
17/03/2021
Institucionais

Lete Lasa destaca no Parlamento a “receita do deporte galego: sacrificio, colaboración e responsabilidade” para acadar só un 0,2% de brotes nos equipos autonómicos

  • Destaca que “neste camiño de recuperación non imos esquecer a ninguén” e fala da inclusión dos ximnasios na segunda fase do Plan de Rescate así como a subida do 28,5% do orzamento da Secretaría Xeral para o Deporte

Santiago, 17 de marzo de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu esta mañá no Parlamento de Galicia para dar conta das medidas adoptada no ámbito da práctica de actividade física e deportiva federada na Comunidade Autónoma e do estado de situación dela. Tras gabar os últimos resultados acadados por deportistas galegas como Ana Peleteiro ou Belén Toimil e destacar a importancia do papel da muller no deporte galego, o secretario xeral destacou os tres grandes valores nos que todo o tecido deportivo e a Secretaría Xeral basearon o seu traballo ao longo da pandemia: sacrificio, colaboración e responsabilidade.

Do sacrificio que identificou como ás horas de traballo dedicadas, destacou os máis de 70 protocolos aprobados pola Xunta de Galicia a tenor do FISICOVID-DXT GALEGO (recollido por dúas revistas de impacto de referencia nacional e internacional), as cinco guías ‘Volvendo con sentidiño’ ou a “análise pormenorizado de seguimento e control que cada fin de semana realizamos sobre os partidos de ámbito estatal non profesional, que desde outubro xa se contan por máis de 600”. Tocante á colaboración, ademais das decenas de videconferencias e xuntanzas con todo o sector, Lete Lasa destacou o Foro de Reactivación do Deporte Galego, o traballo co IGE para ser a primeira comunidade cunha conta satélite do deporte ou o Clúster da Industria do Deporte e do Benestar de Galicia que foi presentado no día de onte. No caso da responsabilidade, ademais do “sentido do deber co que a Xunta de Galicia foi adoptando as medidas necesarias para xestionar mellor a pandemia”, o secretario xeral subliñou a “gran capacidade de adaptación e a presteza coa que os nosos clubs e deportistas foron acollendo estas novidades normativas”.

O secretario xeral salientou que, despois dun ano enteiro traballando para conter a crise sanitaria no deporte, “recollemos os resultados”. O estudo do INIBIC-SERGAS reflicte realizado en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte e que abarca a máis de 180.000 licenzas deportivas (85.000 delas entre 4 e 17 anos) revela que a incidencia da Covid-19 é inferior no deporte federado nos mesmos rangos de idade e en ambos sexos que na poboación xeral. De feito, os brotes detectados apenas afectan ao 0,2% dos equipos galegos.

Ademais, os mellores datos epidemiolóxicos que presenta Galicia permiten que en materia deportiva, “a nosa situación sexa mellor que a doutras comunidades que manteñen os ximnasios pechados ou que non permiten a asistencia de público aos espectáculos deportivos, así como algunhas instalacións municipais que continúan pechadas, a pesar da aprobación da Xunta”.

“Non imos esquecer a ninguén no camiño de recuperación”

O responsable do Deporte galego mirou ao futuro con optimismo e destacou que “neste camiño de recuperación non imos esquecer a ninguén”. Neste sentido falou do Plan de Rescate para autónomos e microempresas que na súa segunda edición conta cunha vía de acción de 15 millóns de euros para hostalería e outros negocios pechados como os ximnasios. Do mesmo xeito, tamén destacou a subida do 28,5% do orzamento da Secretaría Xeral para o Deporte que chega aos 32,5 millóns de euros. Grazas a este aumento, os 58 convenios coas federacións deportivas galegas (xa sufragados ao 36%) e a partida de adquisición de equipamentos manteñen o importe de 2020, mentres que a convocatoria a clubs e entidades duplícase cunha liña específica para gastos orixinados pola pandemia.

O secretario xeral destacou a boa situación financeira das federacións deportivas que segundo o estudo realizado sobre os seus custos e ingresos, “contan con orzamentos notables para desenvolver as funcións que teñen designadas pola Lei do Deporte”, de tal xeito que en 2020 tan só 5 federacións deportivas pecharon o exercicio con resultado negativo.

Como novidades destacou a recente creación da Federación Galega de Deportes Autóctonos, constituída polas modalidades de chave e billarda, así como o recoñecemento do break dance como modalidade deportiva e a creación da Liga Galega de Break, como paso previo á constitución da Federación Galega de Baile Deportivo.

Lete Lasa incidiu unha vez máis na importancia da colaboración e agradeceu o traballo da cámara galega que vén de rexistrar unha nova PNL para dirixirse ao Goberno de España e urxir medidas de axuda e financiamento destinadas ao tecido deportivo non profesional de ámbito estatal, así como para reducir o tipo do Imposto sobre o Valor Engadido do 21% ao 10% en todas as prestacións de servizos deportivos e de actividade física prestados.