Nova
10/05/2022
Institucionais

Lete Lasa destaca o camiño do Noia FS que acada a máxima división "tras unha longa peregrinaxe de traballo e sacrificio"

Valora o gran nivel do fútbol sala masculino galego, "un legado que souberon recoller as mulleres mesmo superando o listón que puxeron os homes"

Santiago, 10 de maio de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu hoxe na Escola Galega de Administración Público a unha representación do Noia Portus Apostoli FS que vén de acadar o título de Segunda División así como ascenso á máxima categoría do fútbol sala nacional. A delegación noiesa estivo composta polos xogadores, corpo técnico e directivo e encabezada polo presidente, Severino Barreiro, ademais de estar acompañados polo alcalde de Noia, Santiago Freire.

Lete Lasa felicitou a todo o equipo e destacou o longo camiño do Noia Portus Apostoli FS que leva no seu nome unha das rutas xacobeas máis fermosas. De seguro, que neste especial dobre Ano Santo, o Apóstolo intercedeu para que chegarades ao voso obxectivo e soubo recoñecer "a vosa peregrinaxe de traballo e sacrificio".

O mandatario galego valorou o grande nivel do fútbol sala masculino galego dende os tempos do Egasa Chaston, pasando polo, Azkar Lugo, o Santiago Futsal ou o Parrulo de Ferrol e mesmo o Burela que a pesares de consumar o seu descenso, conta cunha gran tradición. Un legado que souberon recoller as mulleres mesmo superando o listón que puxeron os homes, "hoxe contamos co mellor equipo de fútbol sala feminino do mundo, o Burela, que vén de acadar a súa quinta Copa da Raíña e con catro equipos galegos na Primeira División.