Nova
31/05/2019
Institucionais

Lete Lasa destaca o "espectáculo fermoso" das competicións de banco fixo de remo e considera unha "excelente nova" que o Campionato de España de Traineiriñas volva a Galicia

En total, 15 dos 21 equipos en liza que competirán nas tres categorías (absoluto feminino, xuvenil masculino e absoluto masculino) serán galegos

Moaña (Pontevedra), 30 de maio de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación do LXXIII Campionato de España de Traineiriñas que se celebrará o vindeiro 1 e 2 de xuño no porto de Meira, en Moaña. Tras facer un breve repaso á historia das traíñas, ás que definiu como un dos deportes “máis unido á tradición e os costumes do pobo galego”, cualificou aos bateis e as traineiriñas como “os irmáns pequenos das traíñas e que xunto a elas conforman o tridente do banco fixo do remo”.

Nas súas verbas recoñeceu ser “unha excelente nova” que o Campionato de España de Traineriñas volva a Moaña e a Galicia neste ano 2019 despois de que o ano pasado tivera lugar en Castro Urdiales (Cantabria)

En total, 15 dos 21 equipos en liza que competirán nas tres categorías (absoluto feminino, xuvenil masculino e absoluto masculino) serán galegos. Do resto dos seis equipos, seis pertencen á Federación vasca e un á Federación cántabra. O secretario xeral falou da calidade dos remeiros do norte que “porán moi difíciles as cousas aos nosos, pero tentaremos poñer todo o empeño para que a bandeira quede na casa”.

Cara a fin do seu relatorio, Lete Lasa destacou o “espectáculo fermoso” que representan as competicións de banco fixo e valorou o potencial do remo. Neste sentido informou que neste 2019 increméntase tanto o importe do convenio asinado coa Liga Galega de Traíñas nun 22% ata chegar aos 110.000 euros, así como o importe do convenio de colaboración asinado coa federación nun 20%, chegando aos 103.000 euros.