Nova
26/02/2024
Institucionais

Lete Lasa destaca o excelente estado de saúde da natación feminina na presentación do Campionato Universitario Galego

Esta será a terceira edición do Campionato Universitario dende a pandemia, logo das edicións de 2022 -organizada pola Universidade de Vigo en Ourense- e de 2023 -organizada pola Universidade da Coruña en Ferrol-

Santiago, 26 de febreiro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe da presentación do Campionato Universitario de Natación que se celebrará o 29 de febreiro na piscina universitaria de Santiago de Compostela. O mandatario galego lembrou a importancia da actividade física nos máis novos e sobre todo dun deporte como a natación “que exercita dous terzos de todos os nosos músculos”.

Lete Lasa destacou que esta será a terceira edición do Campionato Universitario dende a pandemia, logo das edicións de 2022 -organizada pola Universidade de Vigo en Ourense- e de 2023 -organizada pola Universidade da Coruña en Ferrol-. O secretario xeral lembrou a igualdade dun deporte como a natación que conta con preto de 5.250 licenzas federativas, repartidas practicamente ao 50% entre os dous sexos, pero cunha lixeira maioría de mulleres.

O mesmo ocorre neste Campionato Universitario de Natación que conta con maior participación feminina polo que o responsable do Deporte galego salientou o excelente estado de saúde da natación feminina galega grazas aos éxitos acadados por nadadoras como Carla Carrón, Paula Otero ou María de Valdés, que vén de acadar praza olímpica para París 2024, tras a súa medalla de prata no Mundial de Augas Abertas.