Nova
03/12/2020
Institucionais

Lete Lasa destaca o traballo do tenis de mesa galego que permite a Galicia ser a única comunidade coas súas ligas en marcha desde o 17 de outubro

Terá lugar os vindeiros 5, 6, 7 e 8 de decembro e estará organizado pola Federación Galega de Tenis de Mesa para as categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil, sénior e veterano, tanto masculinas como femininas

Vigo, 3 de decembro de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do Campionato Pre-Estatal de Tenis de Mesa que se celebrará en Zas (A Coruña) os vindeiros 5, 6, 7 e 8 de decembro e que estará organizado pola Federación Galega de Tenis de Mesa e onde participarán 164 xogadores das categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil, sénior e veterano, tanto masculinas como femininas. O secretario xeral gabou o bo traballo realizado por todo o tenis de mesa galego e pola propia federación que permite que “Galicia sexa a única comunidade en todo o Estado coas ligas autonómicas en marcha desde o pasado 17 de outubro”.

Lete Lasa destacou que o campionato de Zas reunirá “a elite do tenis de mesa galego” para clasificarse a un torneo nacional “ao que só chegarán os mellores”. Do mesmo xeito destacou tamén o “excelente traballo” da federación que, nos últimos anos, conseguiu que o tenis de mesa galego “chegase a cotas nunca antes imaxinadas”.

Nas súas verbas lembrou como no último cuarto do século XIX nacía en Inglaterra o tenis de mesa, como unha variante do tenis, ideada para practicar un deporte similar no interior ante a adversa climatoloxía británica.

Para combater situacións adversas, dixo o secretario xeral, o deporte galego tamén ten ideado enxeñosas solucións. Deste xeito, os xogadores do Pre-Estatal “contarán cun protocolo perfectamente visado e aprobado pola Secretaría Xeral para ou Deporte e baseado no modelo FISICOVID- DXTGALEGO polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19 no ámbito do deporte federado de Galicia”. Ademais, “neste campionato cumprirase a distancia, levaranse a cabo as desinfeccións, instalaranse só 12 mesas en máis de 1.200 metros cadrados e a xornada dividirase en dúas quendas de mañá e de tarde para que os xogadores de cada quenda non se mesturen”.