Nova
01/06/2021
Institucionais

Lete Lasa destaca as opcións de éxito en Toquio de Nico Rodríguez, primeiro clasificado do ránking mundial 470

Destaca o apoio da Xunta á vela galega que, no caso de Nico, contou coa adquisición en 2020 dunha embarcación tipo 470 e equipamento por importe duns 23.000 euros, en colaboración coa Real Federación Galega de Vela

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 1 de xuño de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo na mañá de hoxe un encontro co regatista Nicolás Rodríguez García-Paz que competirá na clase 470 dos Xogos Olímpicos de Toquio xunto co seu compañeiro Jordi Xammar, praza que obtiveron co seu terceiro posto no Campionato do Mundo de 2018 en Aarhus (Dinamarca). No momento actual, Nico Rodríguez e Jordi Xammar ocupan o primeiro posto no ránking mundial 470.

O mandatario galego destacou o gran nivel da vela galega que conta dende hai moitos anos con grandes deportistas que xa teñen conseguido importantes fitos nos Xogos Olímpicos como é o caso das medallas de ouro acadadas por Fernando Echavarri e Antón Paz na clase Tornado en Pequín 2008 ou por Sofía Toro e Támara Echegoyen na clase Elliot 6 metros en Londres 2012. Agora, en Toquio 2020, a vela galega volverá a contar con opcións de éxito grazas a delegación encabezada polo propio Nico, Támara Echegoyen ou Iago López Marra, ambos os tres apoiados en todo momento pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Lete Lasa amosou este apoio da Xunta que, no caso de Nico, contou coa adquisición en 2020 dunha embarcación tipo 470 e equipamento por importe duns 23.000 euros, en colaboración coa Real Federación Galega de Vela. Ademais, Nico é un dos deportistas que participa na campaña NON da Secretaría Xeral da Igualdade e das axudas Reto Galicia-Toquio con Igualdade, polas que recibe 5.000 euros. No caso dos deportistas galegos de alto nivel, Nico Rodríguez obtivo en 2020 unha bolsa de 6.000 euros.