Nova
30/03/2019
Institucionais

Lete Lasa destaca os datos de participación do atletismo galego como exemplo dun deporte “plural, sen xénero, para todos e para todas”

Sinala que desde a participación do primeiro atleta galego nuns Xogos Olímpicos -Manuel Suárez-Pumariega Molezún en Londres 48- “moitos son os atletas galegos e galegas que seguen facendo arte nas pistas de atletismo de todo mundo”

A Estrada (Pontevedra), 29 de marzo de 2019.-​ O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na XII Edición da Gala anual do Atletismo galego celebrada no auditorio da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), Alí, o máximo responsable do Deporte galego reivindicou o deporte “plural, sen xénero, para todas e para todos, un deporte que actúe como ferramenta social para arranxar os nosos problemas e como menciña para mellorar a nosa saúde e a nosa calidade de vida”. Nesta liña destacou as 7.195 licenzas federativas de atletismo, que a converten na sétima federación con maior participación no deporte galego e que dese total de licenzas, o 42% son de mulleres e o 58% de homes sendo, a de atletismo, “unha das federacións con maior igualdade no reparto de licenzas por sexo”.

No seu relatorio o titular de Deporte sinalou que desde a participación do primeiro atleta galego nuns Xogos Olímpicos -Manuel Suárez-Pumariega Molezún en Londres 48- “moitos son os atletas galegos e galegas que seguen facendo arte nas pistas de atletismo de todo mundo”. Porque, dixo, “o atletismo é o berce desa arte que coñecemos como deporte, o xerme de toda a actividade deportiva, alí onde naceron as primeiras expresións artísticas referidas ao uso das habilidades corporais na competición”.

Na XII Edición da Gala anual do Atletismo Galego, o Atletismo Feminino Celta, Adas Proinor, Esther Navarrete, Belén Toimil, Antía Martínez, Ana Peleteiro, Leticia Fernández, Leticia Gil, Lidia Parada, Paula Mayobre, Raquel Meaños, Ruth Ndoumbe, Saleta Fernández, Solange Pereira e a selección galega de atletismo foron os finalistas do galardón de mellor atleta absoluta feminina. Mentres que por parte dos homes, os candidatos son Adrián Ben, Alejo Ares, Carlos Revuelta, Fernando Vales, Frank Casañas, Iago Núñez, Nacho Fernández, Jean Marie Okutu, José Antonio Requejo, Mauro Triana, Pedro Nimo ou Tariku Novales.