Nova
22/07/2021
Institucionais

Lete Lasa destaca os máis de 30 anos do Náutico de Miño que será reformado cunha achega de 260.000 euros

O club pon á disposición dos socios un escenario perfecto para o desfrute do deporte e a natureza a través das actividades de carácter turístico, recreativo, de adestramento e competición

Miño (A Coruña), 22 de xullo de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o Club Náutico de Miño que será obxecto dunha reforma e ampliación a tenor do convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Miño. En total, o convenio contará cun importe de máis de 260.000 euros (261.228,55 euros) dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegará o 66% do orzamento total (172.800 euros nas anualidades de 2021 e 2022), mentres que o Concello de Miño achegará o importe restante (88.428,55 euros nas mesmas anualidades).

Nas súas verbas, Lete Lasa destacou a aposta da Xunta de Galicia polas infraestruturas deportivas, xa que “para acadar esa sociedade activa e saudable, precisamos que os nosos veciños e veciñas fagan exercicio físico nas mellores condicións”. Do mesmo xeito, gabou a traxectoria do Club Náutico de Miño que desde hai 30 anos leva ofrecendo numerosas actividades de promoción dos deportes náuticos, nomeadamente o piragüismo. O club pon á disposición dos socios un escenario perfecto para o desfrute do deporte e a natureza a través das actividades de carácter turístico, recreativo, de adestramento e competición.

O proxecto ten por obxecto a demolición da parte alta do edificio de almacén, reducindo o impacto visual da edificación; ampliación do edificio de ximnasio cara a zona norte; redistribución dos espazos interiores para conseguir novos espazos necesarios e uns novos vestiarios e aseos, que serán accesibles; ademais proxéctase unha nova edificación, que sirve de unión entre as edificacións xa existentes, adicada a carga e descarga. O resultado será un conxunto unificado nun único edificio, pero dividido en tres volumes claramente diferenciados polas súas alturas.

A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.