Nova
18/04/2020
Institucionais

Lete Lasa destaca os valores do deporte como o “sacrificio e a resiliencia para axudarnos neste tempo de confinamento” na arrancada virtual do motoclub VFM

Valora esta iniciativa que permite que os deportistas se unan aos aplausos das 20,00 horas, “un síntoma de unión en tiempos de pandemia e unha forma de recoñecer o traballo de tanta xente de traballos esenciais que nos están permitindo levas a nosa vida un pouco mellor”

Santiago, 18 de abril de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na Arrancada Virtual Solidaria organizada polo motoclub VFM no serán de hoxe ás 20,00 horas, coincidindo cos aplausos dedicados aos sanitarios e traballadores que están a redobrar esforzos na loita contra a pandemia do coronavirus. Na súa intervención, o mandatario galego destacou os valores do deporte como “o sacrificio e a resiliencia para axudarnos neste tempo de coronavirus”. Do mesmo xeito mandou unha mensaxe de ánimo e apoio a todos os deportistas en xeral e a todos os galegos e galegas, así como “todo o cariño do deporte galego cara as persoas que máis están a sufrir esta crise, especialmente aos familiares dos falecidos”.

Lete Lasa felicitou ao motoclub VFM por esta iniciativa que permite que os deportistas se unan aos aplausos das 20,00 horas. Estes aplausos, dixo, son un síntoma de “unión en tiempos de pandemia e unha forma de recoñecer o traballo de tanta xente de traballos esenciais que nos están permitindo levas a nosa vida un pouco mellor”.

O secretario xeral mandou unha mensaxe de forza a todos os motociclistas para que sigan comportándose con responsabilidade e amosou o seu convencemento de que “a solidariedade é o camiño para deixar esta situación atrás e volver aos circuítos”. “A mellor competición que temos é a vida e o maior éxito é vivila con paixón e deportividade”, enfatizou.

A arrancada virtual solidaria pódese ver na canle de facebook de VF timing.