Nova
08/05/2019
Institucionais

Lete Lasa destaca a Praza do Obradoiro como lugar de encontro entre a resistencia dos peregrinos e dos pilotos de enduro que este venres comezarán a terceira proba do Mundial

Fai un chamamento ás mulleres motociclistas para que se animen a practicar este deporte de xeito masivo e insta á organización do Mundial a que se recuperen as probas femininas, para que homes e mulleres poidan competir en igualdade

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou esta mañá no Pazo de Raxoi a terceira proba do Campionato do Mundo de Enduro que terá lugar en Compostela do 10 ao 12 de maio. O mandatario galego destacou a proba que dará comezo na Praza do Obradoiro o vindeiro venres coa saída das 106 motos das que 15 serán españolas e case a metade (7) serán galegas.

“Máis dun centenar de motocicletas nunha praza á que cada día chegan tamén centos de peregrinos de todas as partes do mundo, toda vez que teñen rematado o Camiño de Santiago”, apuntou. Neste sentido, Lete Lasa comparou a resistencia dos peregrinos coa resistencia dos pilotos de enduro que deberán demostrar as súas capacidades nos circuítos super test, extrema test, enduro test e cross test.

Asemade, o titular do Deporte galego gabou o traballo da Federación Galega de Motociclismo, da Federación Internacional de Motociclismo e dos demais organizadores aos que lle agradeceu o traballo de levar a Santiago por sexta edición consecutiva este campionato de Enduro e por segunda vez incluído no Campionato do Mundo. Un calendario no que se atopan países como Alemaña, Portugal, Francia, Italia ou a República Checa.

Na liña da Secretaría Xeral para o Deporte de apoio ao deporte feminino, José Ramón Lete Lasa fixo tamén un chamamento ás mulleres motociclistas para que se animen a practicar este deporte de xeito masivo e instou á organización do Mundial a que se recuperen as probas femininas, para que homes e mulleres poidan competir en igualdade.