Nova
01/10/2022
Institucionais

Lete Lasa destaca que a “igualdade e a inclusión” están máis preto grazas ao deporte e a eventos como o Open Nacional de Xadrez para Cegos

Esa, di, é a primeira lección que os nosos nenos e nenas aprenden no Xoagde, que “ante o deporte e ante a vida, todos somos iguais”

Mondariz-Balneario, 30 de setembro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, clausurou na mañá de hoxe o XXVIII Open Nacional de Xadrez da Federación Española de Deportes para Cegos que terá lugar de 24 ao 30 de setembro no Hotel Cemar e no que participarán 36 persoas entre deportistas, xuíces e técnicos.

O mandatario galego destacou a importancia dos avances que se teñen dado no xadrez para cegos como os “taboleiros especiais, os reloxos con auriculares ou as diferencias ao tacto das pezas brancas e negras” pero apuntou que “a ferramenta máis grande que temos neste deporte é a igualdade e a inclusión, dous obxectivos prioritarios para a Xunta de Galicia”.

Neste sentido lembrou que en moitos open e campionatos de xadrez, xogadores videntes e invidentes compiten en igualdade de condicións e lembrou a figura de Ramón Escudeiro Tilve como “un dos grandes prodixios do deporte galego” que, a pesar da súa enfermidade e de quedar cego aos poucos meses de vida, chegou a ser subcampión do mundo de judo e varias veces campión de España xuvenil de xadrez.

Esa, dixo, é a primeira lección que os nosos nenos e nenas aprenden no Xoagde, que “ante o deporte e ante a vida, todos somos iguais”. Neste sentido, Lete Lasa agradeceu o traballo da federación española e da ONCE por levar a cabo eventos “tan importantes como necesarios”.