Nova
11/10/2022
Institucionais

Lete Lasa destaca a “valentía e a resiliencia” das cinco mulleres que, tras padecer cancro, ascenderán 1.754 metros en Xordania no Reto Pelayo Vida

O secretario xeral para o Deporte recibe a unha das expedicionarias, a focense Nancy Rego, e subliña o espírito de superación do deporte galego “que se ten demostrado ao longo da súa historia cos incribles resultados colleitados por deportistas que, nalgún momento, sufriron un revés na súa vida”

Santiago, 11 de outubro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu hoxe a unha representación das cinco mulleres que participarán no Reto Pelayo Vida Xordania 2022 que ten como fin divulgar os beneficios do exercicio físico durante e despois do tratamento de cancro e promover a práctica do deporte nas mulleres. A visita estivo encabezada por unha das expedicionarias, a focense, Nancy Rego e pola responsable de relacións institucionais do Reto Pelayo Vida, Isabel Coello.

Lete Lasa destacou a valentía destas cinco mulleres que tras padecer cancro, percorrerán os 350 quilómetros de norte a sur de Xordania a través de diferentes retos deportivos como 255 quilómetros en bicicleta de montaña, descenso de rápel no canón do Mar Morto, travesía polo deserto do Wadi Rum, ata chegar ás ‘Big Walls’, unhas montañas con xigantes paredes verticais nas que ascenderán ao pico, Jebel Rum, a 1.754 metros de altura, para finalizar o reto baixo as augas do Mar Vermello.

O mandatario galego destacou o espírito de superación e a resiliencia do deporte galego que se ten demostrado ao longo da súa historia cos incribles resultados colleitados por deportistas que, nalgún momento, sufriron un revés na súa vida. Neste sentido subliñou a importancia dos últimos resultados galegos nos Xogos Paralímpicos de Toquio nos que o 87,5% dos galegos e galegas participantes regresaron clasificados entre os oito mellores do mundo.

Lete Lasa incidiu na importancia do deporte como motor social e, sobre todo, emocional, así como nas vantaxes que ofrece á hora de superar circunstancias adversas. Ademais, apuntou cara o excelente incremento que, nestes anos, está a experimentar o deporte feminino, grazas a iniciativas como o Reto Pelayo Vida e tamén ás políticas levadas a cabo desde a Secretaría Xeral para o Deporte. Neste sentido destacou como ano tras ano as cifras de deportistas no CGTD ou de equipos no Plan de Patrocinio Publicitario da Fundación Deporte Galego vanse igualando por sexos, ademais de contar, desde 2020 cun plan propio para equipos femininos de alta competición.

Lete Lasa tamén lembrou como a Xunta leva anos premiando accións que velen pola igualdade efectiva entre mulleres e homes; esixe a adhesión ao manifesto pola igualdade no deporte; garante o dereito á igualdade salarial entre os traballadores e traballadoras das federacións e nas subvencións aos deportistas de alto nivel; dispón vantaxes para todas as deportistas e especialmente, para aquelas que decidan ser nais, no novo decreto de alto nivel de 2020; ou deixando de patrocinar os eventos deportivos nos que os premios polos mesmos postos e categorías teñan diferenza de contía entre a competición masculina e feminina.