Nova
22/09/2019
Institucionais

Lete Lasa entrega os premios do campionato galego de piragüismo prebenxamín, benxamín e alevín e presenta os dous barcos dragón do programa Xogade

Os dragóns son propulsados por vinte padexeiros dirixidos por un timonel e vogan ao ritmo doutro tripulante que toca o tambor. Son embarcacións moi estables e de fácil aprendizaxe. A Xunta de Galicia investiu preto de 30.000 euros para os dous dragóns, palas e chalecos dos deportistas

 

Vigo, 21 de setembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou este serán na entrega de premios do Campionato Galego de Piragüismo en augas tranquilas de prebenxamíns, benxamíns e alevíns que se celebrou na ETEA. Alí destacou a importancia da actividade física nos máis pequenos e destacou como a Xunta traballa “inserindo hábitos saudables na rutina dos nosos cativos desde as idades máis temperás para configurar desde hoxe e ata o día de mañá, unha sociedade máis activa e saudable”.

Neste sentido destacou a importancia do programa Xogade (Xogos Deportivos en Idade Escolar) que conta con case 130.000 nenos e nenas que practican deporte escolar e federado promovido pola Xunta de Galicia. Neste mesmo escenario, o secretario xeral presentou as dúas embarcación dragón que a Secretaría Xeral para o Deporte vén de adquirir para o programa Xogade para iniciar aos nenos e nenas no piragüismo da man da Federación Galega de Piragüismo. Os dragóns son propulsados por vinte padexeiros dirixidos por un timonel e vogan ao ritmo doutro tripulante que toca o tambor. Son embarcacións moi estables e de fácil aprendizaxe. A Xunta de Galicia investiu preto de 30.000 euros para os dous dragóns, palas e chalecos dos deportistas.

Neste 2019 o convenio para o desenvolvemento da actividade deportiva que asina a Xunta coa Federación Galega de Piragüiismo sobe ata os 312.141 euros, e o convenio para o mantemento de Verducido fai o propio ata os 115.000 euros. Ademais, sumando os 60.000 euros achegados pola Secretaría Xeral da Igualdade, a contía destinada pola Xunta á federación ascende ata os 487.141 euros, o máximo histórico e que representa un 31% máis que en 2018. A de piragüismo é a federación que máis cartos recibe da Xunta cun total de máis de 7 millóns de euros desde 2009.