Nova
29/04/2021
Institucionais

Lete Lasa enxalza a figura do promotor de exercicio e saúde no curso da Fundación Deporte Galego sobre prescrición de actividade física

  • Destaca que en 2021 a ferramenta DAFIS desenvolverá “un proxecto para a prescrición de exercicio en persoas maiores de 60 anos desde os centros de saúde, seguindo as directrices da OMS e no que colaborará a Consellería de Política Social”

Santiago, 29 de abril de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañou na última xornada do curso ‘A figura do promotor de exercicio e saúde en concellos galegos’ a unha vintena de técnicos deportivos locais que se están formando nesta actividade levada a cabo pola Fundación Deporte Galego. Alí, enxalzou a figura do promotor “por ser os nosos socios máis importantes na prescrición de actividade física en todos os rangos de idade da nosa poboación” e o enlace directo cos cidadáns “para acadar esa sociedade activa e saudable que tanto desexamos”.

Dentro dos contidos que se están a impartir ao longo destes tres días na Escola Galega de Administración Pública (27, 28 e 29 de abril de 2021), o mandatario galego destacou, por unha banda, a “a prescrición do exercicio para maiores” e lembrou como en 2021, a ferramenta DAFIS, destinada a tomar valoracións da actividade física e da saúde dos nenos para establecer programas adecuados que contribúan á mellora da súa saúde., desenvolverá “un proxecto para a prescrición de exercicio en persoas maiores de 60 anos desde os centros de saúde, seguindo as directrices da OMS e no que colaborará a Consellería de Política Social”.

Por outra banda, Lete tamén incidiu na importancia da coordinación entre departamentos en prol da saúde. Neste sentido recordou a sinatura dun convenio de colaboración entre Educación, Sanidade e Deporte en xaneiro de 2020 co obxectivo de impulsar unha alianza estratéxica para loitar contra a obesidade infantil e promover estilos de vida activa nos escolares galegos. Deste xeito, as 31.800 valoracións realizadas por DAFIS están ao alcance dos pediatras, os profesores e os responsables deportivos para prescribir actividade física de xeito máis axustado e en consonancia coas necesidades de cada neno.

Seguindo nesta liña de colaboración, o secretario xeral apuntou cara o obxectivo de que “a prescrición de saúde saia directamente desde o Centro de Atención Primaria”. Deste xeito, o persoal sanitario e profesional da actividade física estarán conectados para a prescrición, avaliación e seguimento da actividade física para mellorar a saúde dos cidadáns a través de práctica regular da actividade física adaptada á realidade de cada paciente, do mesmo xeito que ocorre con DAFIS.