Lete Lasa enxalza os resultados dos 46 olímpicos e paralímpicos en París que continúan a excelente senda de Toquío co apoio da Xunta de Galicia
Destaca a igualdade nos éxitos -as 11 medallas e 25 diplomas repartíronse con igualdade entre olímpicos e paralímpicos- e na participación -por vez primeira acadouse unha paridade exacta: 23 mulleres e 23 homes-
Santiago, 18 de setembro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior onde realizou unha valoración da delegación galega nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024. O mandatario galego enxalzou os resultados dos 46 deporistas galegos olímpicos e paralímpicos que tiveron unha excelente participación acadando 11 medallas e 25 diplomas para a delegación española. Neste sentido, Lete Lasa destacou a igualdade con que se conseguiron estes éxitos, xa que os olímpicos e acadaron 6 medallas e 14 diplomas e os paralímpicos, 5 medallas e 11 diplomas. Ademais, os 46 deportistas galegos que participaron nos Xogos, acadaron, por vez primeira, unha paridade exacta, sendo 23 homes e 23 mulleres, o que representa os grandes avances que se están a lograr no deporte feminino.
Máis polo miúdo, o secretario xeral para o Deporte destacou que estes resultados continúan ou mesmo melloran a boa senda de Toquío 2020. No caso dos olímpicos, aumentouse a participación -32 en París polos 25 de Toquío- e, de todos eles, regresaron máis con medalla ou diploma -20 en París polos 18 de Toquío-. No caso dos paralímpicos, a porcentaxe dos que regresan entre os oito mellores do mundo segue sendo moi elevada: preto de nove de cada dez.
Con respecto ao alto nivel, Lete Lasa destacou o récord da última resolución DGAN que acada 1.279 deportistas recoñecidos e lembrou que en 2023, ano de preparación dos Xogos, alcanzouse outro récord nas axudas con 720.000 euros. Para este 2024 convocáronse axudas por un total 600.000 euros, das que xa se resolveron 35 axudas aos deportistas, técnicos e árbitros que participaron nos Xogos de París. Neste sentido lembrou outros apoios da Xunta cara o alto nivel como o Programa de Axuda ao Deportista (Proade) que se canaliza desde a Oficina de Atención ao Deportista, xa en marcha, e que axuda aos deportistas tanto durante como despois da súa carreira deportiva a través de orientación, información e axuda en xeral; orientación laboral; ou apoio psicolóxico.
Igualdade e diversidade
Instantes antes de realizar a valoración dos resultados dos Xogos, o secretario xeral para o Deporte respondeu a outra pregunta sobre o traballo que está a facer o Goberno galego na loita contra a LGTBIfobia. Lete Lasa subliñou “a loita pola igualdade e a diversidade, pola promoción dunha práctica deportiva sen discriminación nin violencia” como obxectivos principais da Xunta reflectidos na Lei de protección integral á infancia e á adolescencia fronte a violencia, na Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia e, finalmente, na Lei do deporte de Galicia.
Lete Lasa fixo un repaso por todas as medidas que está a realizar o Goberno galego na loita contra a LGTBIfobia e na aposta pola inclusión e a diversidade. Así, fixo fincapé no labor do ‘Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero’ que, coa representación de diferentes consellerías e departamentos da Xunta, a FEGAMP, universidades, sindicatos ou asociacións, leva traballando dende xuño de 2021. Entre as súas tarefas destacan a elaboración do ‘Informe diagnose sobre a situación do colectivo LGBTIQ+ no deporte galego’ de febreiro de 2023, elaborado coa información trasladada polas federacións, e que serve de base para a elaboración de protocolos de actuación para evitar situacións de discriminación no deporte e para a posta en marcha de accións de sensibilización e visibillización no ámbito deportivo. Cómpre destacar tamén o ‘Decálogo pola igualdade LGBTIQ+ nos deportes’, presentado o pasado 15 de maio e dirixido á toda a colectividade do deporte galego, que parte dunha clara premisa, “Todo tipo de corpos poden facer todo tipo de deportes”, e que pretende rachar cos roles e estereotipos de xénero para que o deporte sexa un espazo seguro para a celebración da diversidade.
Asemade, Lete Lasa enunciou o ‘Protocolo de protección dos nenos, nenas e adolescentes fronte á violencia no deporte en Galicia’ que foi presentado no pasado mes de xuño, como unha medida pioneira no Estado, de obrigado cumprimento para todas as federacións e clubs. Elaborado sobre a base da Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia, e contando coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas, o protocolo ten por obxectivo prever as violencias e establecer canles de intervención e protección, convertendo ás entidades deportivas en espazos seguros e promovendo unha contorna de respecto e de bo trato. O seu ámbito de actuación esténdese a todas as situacións da práctica deportiva: adestramentos, competicións e eventos.