Nova
31/08/2021
Institucionais

Lete Lasa equipara a fortaleza da frota española cos éxitos da vela galega na presentación do 36º Trofeo Príncipe de Asturias en Baiona

Gaba a medalla olímpica de Nico Rodríguez no 470 de Toquio, así como os diplomas de Támara Echegoyen no 49er FX e de Iago López Marra no 49er, que se suman a outros fitos históricos como a medalla de ouro da propia Támara e de Sofía Toro no Elliot 6metros de Londres 2012 ou a de Fernando Echávarri e Antón Paz no Tornado de Pequín 2008

Baiona (Pontevedra), 31 de agosto de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe no Monte Real Club de Yates de Baiona da presentación do 36º Trofeo Príncipe de Asturias que terá lugar entre o 3 e o 5 de setembro e que porá en liza os Trofeos Presidente da Xunta (para a mellor embarcación da regata Infanta Elena do Real Club Náutico de Coruña, a Mar de Finsiterre do Real Club Náutico de Portosín e o Trofeo Príncipe de Asturias), a 25ª Gestilar Ladies Cup (competición exclusivamente femenina), o Trofeo Conde de Barcelona (ao mellor barco con tripulación portuguesa) e o Trofeo Mary Woodward (ao mellor J80 da tempada). Do mesmo xeito, Lete destacou a entrega dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda que terá lugar o vindeiro sábado 4 de setembro e que contará entre os premiados con Támara Echegoyen como parte do mellor equipo feminino e Nico Rodríguez como parte do mellor equipo olímpico.

Lete Lasa recoñeceu que Baiona “sempre estivo ligada coa realeza, e que a Armada Invencible que un día comezou a debuxar Felipe II no municipio baionés aseméllase a gran frota coa que conta hoxe Galicia”. Neste sentido gabou a medalla olímpica de Nico Rodríguez no 470 de Toquio, así como os diplomas de Támara Echegoyen no 49er FX e de Iago López Marra no 49er, que se suman a outros fitos históricos como a medalla de ouro da propia Támara e de Sofía Toro no Elliot 6metros de Londres 2012 ou a de Fernando Echávarri e Antón Paz no Tornado de Pequín 2008.

“A frota española hoxe en día está moi vinculada a Baiona e, como non, a Galicia”, dixo. “Este prestixiosísimo Trofeo Príncipe de Asturias é moito máis que unha regata, e é que dentro dela albérganse outros eventos como como a Ladies Cup. Hoxe en día é fácil facer unha aposta polo deporte feminino, pero hai 25 anos, cando empezaron coa competición, era ter unha visión de futuro espectacular”.