Nova
06/05/2021
Institucionais

Lete Lasa fixa á educación e a colaboración institucional como chaves para a loita antidopaxe no deporte

A Comisión Galega de Control e Prevención da Dopaxe vén realizando as súas competencias e destaca a sinatura dun convenio coa AEPSAD, así como a elaboración dun plan de controis vinculado co marco deste convenio

Santiago, 5 de maio de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na ‘Xornada Educativa Antidopaxe’ celebrada de xeito virtual a través da aula virtual da Escola Galega do Deporte coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas e a Axencia Española de Protección da Saúde no Deporte (AEPSAD). Nas súas verbas, o mandatario galego destacou a importancia de ferramentas como a educación e da colaboración de todas as institucións para trasladar a á poboación e en especial aos deportistas máis novos valores tan importantes como o traballo, o esforzo o sacrificio e que “para chegar ao éxito só se chega a través deste camiño, non existen atallos”.

Neste sentido lembrou a importancia da constitución o pasado 25 de xuño de 2019, da Comisión Galega de Control e Prevención da Dopaxe que naceu co compromiso de conseguir un deporte galego limpo e sen trampas e para protexer a saúde dos nosos deportistas con labores de sensibilización e de información, así como coa actividade sancionadora.

Lete Lasa referiuse ao director da AEPSAD, José Luis Terreros, tamén presente na xuntanza virtual que no seu día valorou a constitución desta Comisión como “moi importante tanto para a loita contra a dopaxe en España como para o deporte galego porque se abre unha colaboración real e efectiva entre a axencia competente e a Secretaría Xeral para o Deporte”.

Dende aquela, a Comisión Galega de Control e Prevención da Dopaxe vén realizando as súas competencias e destaca a sinatura dun convenio coa AEPSAD, así como a elaboración dun plan de controis vinculado co marco dese convenio que se retomará nas vindeiras datas.