Nova
23/07/2019
Institucionais

Lete Lasa gaba á frota galega como “unha das mellores do mundo” na presentación do 44º Trofeo Conde de Gondomar

A Federación Galega de Vela conta con 2.000 licenzas das que o 20% pertencen a mulleres, “un número que desde a Xunta, queremos que siga subindo polo que o convenio coa Federación medra un 42% ata situarse nos 312.000 euros”

Baiona (Pontevedra), 23 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do 44º Trofeo Conde de Gondomar organizado polo Monte Real Club de Iates de Baiona (MRCYB). No transcurso do seu relatorio, o mandatario galego describiu á frota galega como “unha das mellores frotas do mundo e aí están os éxitos dos nosos regatistas para comprobalo”.

O responsable do Deporte galego destacou a celebración deste Trofeo desde 1976 como un fito máis da vela galega e que reunirá do 24 ao 28 de xullo aos mellores barcos cruceiros ORC, monotipos J80 e Fígaro. Na competición participarán uns 30 navíos, algúns deles pertencentes á frota portuguesa, e, como indicou o secretario xeral, os regatistas galegos especialistas na clase cruceiro parten como favoritos como poden ser os irmáns Pérez Canal a bordo do ‘Aceites Abril’ ou Luis Bugallo a bordo do ‘Pairo 8’.

Cara a fin do seu discurso, Lete Lasa, lembrou as 2.000 licenzas coas que conta a Federación Galega de Vela e das que o 20% pertencen a mulleres. “Un número que desde a Xunta, queremos que siga subindo polo que o convenio coa Federación para o desenvolvemento das súas actividades deportivas medra un 42% ata situarse nos 312.000 euros, sumando todo o achegado desde a Xunta de Galicia”.