Nova
19/09/2019
Institucionais

Lete Lasa gaba o traballo de Concello e Peixegalego que levan a Marín a terceira Copa Galicia Masculina de Baloncesto consecutiva

Este venres 20 de setembro terá lugar a semifinal entre o COB e o Marín Peixegalego que buscan un posto na final do domingo 22 para enfrontarse ao Monbus Obradoiro

Marín (Pontevedra), 18 de setembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou hoxe a Copa Galicia Sénior Masculina de Baloncesto organizada man a man entre o Concello de Marín e o club Marín Ence Peixegalego.

O secretario xeral gabou o traballo dos dous entes en prol do deporte galego como demostran os “máis de 70 eventos deportivos que se celebran na localidade mariñense cada ano” e tamén referiuse á “infinita xenerosidade do Peixegalego que no ano no que descendía á Liga EBA loitou por traer a Marín o maior espectáculo baloncestístico de Galicia”. A proba de que “o deporte é xusto con quen o respecta”, dixo, demóstrase con que hoxe Marín acolle “por terceiro ano consecutivo a Copa Galicia de Baloncesto e ademais, o Peixegalego vén de recuperar o lugar que lle corresponde na LEB Ouro tras dous ascensos meteóricos”. Nas 34 edicións que se levan disputadas da Copa Galicia desde 1986 ningunha cidade repetiu sede salvo Chantada nos anos 2000 e 2001.

O mandatario galego destacou o nivel da competición na que vense as caras desde o pasado 7 de setembro, os mellores equipos galegos como o Monbus Obradoiro, Leche Río Breogán, Leyma Básquet Coruña, Club Ourense Baloncesto e Marín ENCE Peixegalego. Este venres 20 de setembro terá lugar a semifinal entre o COB e o Marín Peixegalego que buscan un posto na final do domingo 22 para enfrontarse ao Monbus Obradoiro que xa agarda ao seu rival.

Lete Lasa asegurou que esta fin de semana será “a gran festa do baloncesto galego” coa disputa da Copa Galicia Feminina de xeito paralelo en Narón, cos equipos do Durán Maquinaria Ensino, Baxi Ferrol, Celta Zorka, Arxil e Cortegada. Neste sentido fixo fincapé na igualdade no baloncesto, “unha modalidade deportiva que desde os seus inicios evolucionou de modo conxunto a súa vertente feminina e masculina”. Ademais sinalou que das 14.178 licenzas gallegas de baloncesto, máis do 38% son de mulleres converténdose nunha das federacións galegas con maior paridade, unha porcentaxe que aumenta no programa Xogade xa que dos case 130.000 nenos e nenas, o 14% practica baloncesto e destes, o 43,5% son nenas. Por motivos coma este, aseverou, “desde a Xunta seguiremos apoiando ao baloncesto galego e reforzando o noso compromiso como facemos este ano co incremento do convenio coa Federación Galega de Baloncesto que alcanza, sumada a axuda da Secretaría Xeral da Igualdade, os 288.822,47 euros, un 40% máis que en 2018”.