Nova
03/10/2019
Institucionais

Lete Lasa intervén na presentación da 42ª Edición da Carreira Pedestre Popular de Santiago

O secretario xeral para o Deporte recoñeceu a valía da proba, “unha das referencias indiscutibles do atletismo en Galicia”.

Dende 2014 a Carreira Pedestre Popular de Santiago ostenta a Distinción ao Mérito Deportivo concedido pola Xunta de Galicia

 Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá no acto de presentación da 42ª edición da Carreira Pedestre Popular de Santiago, organizada polo Grupo Correo Gallego.

No curso da súa intervención, José Ramón Lete felicitou ao grupo de comunicación organizador da carreira por “conseguir que, tras 42 edicións, unha proba popular deportiva sexa xa patrimonio común da capital de Galicia”. O secretario xeral incidiu especialmente no carácter aberto da carreira e na singular atención que presta á participación dos mais novos. “O fomento da actividade física e deportiva debe pasar necesariamente por incorporar aos nenos e nenas á práctica, obxectivo que dende a Xunta de Galicia perseguimos con decisión; que esta carreira atenda especialmente ao mesmo colectivo, fainos avanzar xuntos e con maior decisión.” Por último, Lete Lasa quixo recordar tamén que os mesmos valores que trouxeron a carreira popular a esta 42 edición, fixérona meritoria da Distinción ao Mérito Deportivo que o goberno galego lle concedeu no 2014, “uns méritos que seguen mais vixentes que nunca”, rematou o responsable de deportes autonómico.

Na presentación interviñeron tamén Ángel Remesar, xerente de El Correo Galego, Isidoro Hornillos, presidente da Federación Galega de Atletismo, e María Esther Pedrosa, concelleira responsable de Deportes e Benestar Animal do Concello de Santiago de Compostela.

42ª edición da Carreira Pedestre Popular de Santiago

A carreira se celebrará o próximo domingo 27 de outubro, a partir das 10.00 horas –saída de adultos- e das 11.30 –saída de escolares-, e terá un recorrido de 12 e 7 quilómetros respectivamente, ata chegar á meta na praza do Obradoiro. A proba está incluída no calendario oficial de probas en ruta da Federación Galega de Atletismo.

Na pasada edición tomaron parte da proba máis de 2.600 corredores de distintas idades e nacionalidades, e que se incorporaron aos 225.000 participantes das edicións celebradas ata a presente data.