Nova
22/11/2023
Institucionais

Lete Lasa lamenta a ocasión perdida coa Lei nacional do Deporte e contrapón o traballo e a rigorosidade do tecido deportivo galego

Pon de manifesto a importancia da “intervención do Estado e dos poderes públicos no deporte, así como a regulamentación deportiva e o dereito deportivo, ámbitos que cada día xeran maior atención”

Santiago, 22 de novembro de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, participou no serán de hoxe na ‘Xuntanza do Deporte Federado Galego’ que tivo lugar no estadio Vero Boquete e na que se debateu a recente Lei 39/2022 do Deporte, aprobada o 30 de decembro de 2022 polo Goberno central. O mandatario galego describiu esta norma como unha “ocasión perdida para xerar, por fin e dunha vez por todas, a tan esperada norma legal que necesitaba o deporte do noso país”.

Nas súas verbas, Lete Lasa cualificou a lei como “confusa, inxusta ou tecnicamente mala que non soluciona os grandes retos do sistema como pode ser o financiamento; e que xera novos problemas como o da xustiza deportiva, o do seguro de accidentes, o papel das seleccións, a claridade nas funcións dos axentes deportivos ou o control da Administración”. Neste sentido avogou pola necesidade de resolver canto antes un asunto como a regulación legal das profesións do deporte.

O máximo responsable do Deporte galego puxo de manifesto a importancia da “intervención do Estado e dos poderes públicos no deporte, así como a regulamentación deportiva e o dereito deportivo, ámbitos que cada día xeran maior atención”.

Para concluír, Lete Lasa contrapuxo a “desilusión da norma principal para o deporte español” co traballo e a rigorosidade de todo o tecido deportivo de Galicia que seguirá levando a cabo todas as actuacións que correspondan.