Nova
27/08/2021
Institucionais

Lete Lasa participa na presentación do Cangas, “o faro do balonmán galego que alumea o camiño dos que veñen detrás”

Compromete o apoio do Goberno autonómico para o novo proxecto de mellora das pistas que está a realizar o concello

Santiago, 26 de agosto de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na presentación do Frigoríficios do Morrazo Club Balonmán Cangas ao que definiu como o “faro do balonmán galego que alumea o camiño dos que veñen detrás”. Neste sentido destacou que o Cangas leve 15 tempadas das últimas 20 na Liga Asobal, considerada como unha das mellores do mundo, e salientou que os éxitos do equipo cangués animan a todos os nenos e nenas que se inician no balonmán así como aos equipos galegos que procuran o ascenso para compartir a gloria da Asobal como o Teucro, o Novás e o Cisne.

O mandatario galego destacou a traxectoria do Cangas desde a súa creación en 1961 como un equipo de afeccionados ata hoxe, sendo o único supervivinte do balonmán galego na primeira división nacional, que chegou a ter a catro representantes galegos na tempada 96-97 (Teucro, Octavio, Cangas e Chapela).

Do mesmo xeito gabou a figura de dous dos seus máis importantes representantes como Suso Soliño quen xogou toda unha vida no club da súa vila co que conseguiu tres ascensos á máxima categoría e que segue vencellado ao club como adestrador do filial e Rodrigo Corrales, formado nas categorías inferiores do club e que vén de acadar unha medalla de bronce nos Xogos Olímpicos.

Precisamente, Lete Lasa, destacou o éxito dos deportistas cangueses en Toquio recoñecendo o importante labor polideportivo que se realiza en Cangas. Ao fío desta idea lembrou instalacións como a piscina, o estadio do Gatañal ou as pistas de atletismo nas que a Xunta de Galicia leva investindo moitos anos e comprometeu o apoio do Goberno autonómico para o novo proxecto de mellora das pistas que está a realizar o concello.

Asemade tamén subliñou que o Frigoríficos é un dos equipos galegos que leva participando no Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición da Fundación Deporte Galego desde a súa xénese, na tempada 2009-2010.