Nova
07/05/2021
Institucionais

Lete Lasa participa nunha actividade de bolos, billarda e chave no CEIP Sobreira de Valadares onde anuncia a constitución da nova federación galega de deportes autóctonos

  • O pasado xoves 29, o Consello da Xunta autorizaba a sinatura da addenda ao convenio de colaboración coa Federación Galega de Chave -agora Federación Galega de Deportes Autóctonos-, que en total recibe 16.000 euros

Vigo, 7 de maio de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe no CEIP Sobreira de Valadares nunha actividade do programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) sobre a BBC (bolos, billarda e chave). Alí, o mandatario galego destacou a importancia dos deportes populares que son “parte da idiosincrasia de Galicia, parte fundamental da nosa cultura e da nosa tradición que debemos promover entre os máis novos para que sigan convivindo connosco durante moitos anos máis”.

Neste sentido, o secretario xeral gabou a unidade didáctica ‘A BBC Xogade na escola’ dirixida polo especialista en Xogos Populares, Xan Rodiño, como “unha das mais demandadas polo profesorado xa que as súas implementacións en centros educativos aumentan exponencialmente cada curso escolar”. Deste xeito, desde a súa posta en marcha, no curso escolar 2015/2016, mais de 56 centros escolares e máis de 4.000 al alumnos de 6º de Educación Primaria participaron nesta iniciativa e leváronse a cabo cursos de formación dirixidos a mestres especialistas en Educación Física.

Lete Lasa aproveitou a xornada na que participaron, en quendas, medio centenar de rapaces e rapazas para anunciar a recente constitución da nova Federación Galega de Deportes Autóctonos, creada tras o recoñecemento da billarda como modalidade deportiva oficial na comunidade autónoma, o pasado mes de xuño de 2020. De feito, o pasado xoves 29 de abril, o Consello da Xunta autorizaba a sinatura da addenda ao convenio de colaboración coa Federación Galega de Chave -agora Federación Galega de Deportes Autóctonos-, así como a modificación dos límites e das porcentaxes dos pagamentos anticipados, por importe de 10.000 euros. En total, a Federación Galega de Deportes Autóctonos recibe a tenor do convenio coa Xunta un total de 16.000 euros para as modalidades de chave e billarda.

A reactivación do Programa Xogade, cuxa convocatoria foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado venres 23 de abril, e a constitución da nova Federación Galega de Deportes Autóctonos supoñen un novo pulo na promoción do deporte popular que consegue xuntar tanto territorial como xeneracionalmente ás xentes nunha práctica deportiva que contribúe a consolidar hábitos de vida saudable. De feito, na provincia de Pontevedra están previstas xornadas de promoción da BBC en cada unha das 12 agrupacións deportivas escolares que se ocupan da promoción deportiva do Xogade na escola. Do mesmo xeito, a nova federación desenvolverá campañas de promoción deportiva cara outros sectores. Xa neste mes de maio, en estreita colaboración coa Universidade de Vigo, a Secretaría Xeral levará a cabo xornadas de práctica e difusión dos xogos e deportes autóctonos nos tres campus universitarios (Vigo, Pontevedra e Ourense).

Asemade, Lete Lasa lembrou a sinatura, esta mesma semana, dun convenio de colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para o fomento do deporte no ámbito escolar como medida complementarias ao Plan Recupera. Segundo esta actuación, profesionais do ámbito da actividade física e profesionais da educación analizarán a situación actual do deporte escolar e deseñarán accións para a integración do deporte en todos os niveis educativos, especialmente no horario lectivo. Neste contexto, porase en valor o labor desenvolvido desde hai anos entre a poboación escolar polo programa Xogade e estudarase a implantación de novas prácticas físico-deportivas como os deportes urbanos. Así mesmo, buscarase ampliar o interese pola actividade física ao alumnado que non o presenta e promoveranse estes hábitos saudables a través da creación e difusión de material didáctico nos centros educativos.