Nova
16/06/2021
Institucionais

Lete Lasa presenta ao Equipo Galego de Novos Alpinistas como os deportistas máis completos da escalada, que será olímpica en Toquio

Anima aos galegos e galegas a realizar escalada e lembra que a Federación Galega de Montañismo conta con 6.218 licencias, sendo o 60% homes e o 40% mulleres, unha porcentaxe que se achega aínda máis nas 618 licencias 6-16, co 55% de nenos e o 45% de nenas

Lugo, 16 de xuño de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe ao Equipo Galego de Novos Alpinistas (ENAG) da Federación Galega de Montañismo composto por catro deportistas -tres homes e unha muller- e que representan “a excelencia da escalada galega, os deportistas máis completos deste deporte que contan con grandes capacidades para escalar sobre rocha, xeo, neve, así como esquiar e ter unha gran capacidade de análise do entorno para manter uns marxes de seguridade amplos”.

O Equipo Galego de Novos Alpinistas ten como obxectivos mellorar as técnicas individuais e de equipo de progresión de escalada en rocha, neve e xeo, sempre en ambiente alpino; aprender a adaptar as estratexias e as tácticas de escalada as condicións da montaña; traballar aspectos psicolóxicos da renuncia as ascensións; difundir os valores do alpinismo, esforzo, templanza, constancia, sensatez, seguridade e espíritu de aventura; participar nas concentracións estatais convocadas pola federación española en diferentes macizos montañosos en España ou outros países europeos así como motivar a novos galegos e galegas á práctica do montañismo coa difusión entre os clubs galegos de actividades.

Lete Lasa fixo fincapé neste último punto porque o montañismo galego conta cun total de 6.218 licencias federativas sendo o 60% correspondentes a homes (3.803) e o 40% (2.415) a mulleres. Un reparto, dixo, que é aínda máis equitativo no caso das licencias 6-16 anos, a través do Xogade, que se contabilizan por 681, sendo o 55% nenos (374) e o 45% nenas (307). “Son a eles a quen queremos motivar a que sigan practicando montañismo e deportes en contacto coa natureza, máxime nestes tempos de pandemia porque como xa saben e como demostran os estudios, facer deporte e, sobre todo, deporte federado, afasta as posibilidades de contraer enfermidades respiratorias como a Covid-19”, apuntou.

Unha instalación de referencia

Na súa intervención o secretario xeral incidiu na importancia dunha instalación deportiva como o rocódromo de Lugo que contou cun investimento de máis de 387.000 euros, dos que a extinta Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Secretaría Xeral para o Deporte achegaron un 45% (ata 170.000 euros), mentres que a Deputación asumiu un 35% e o Concello o restante 20%. Un rocódromo que xa é un dos mellores do país e que permite incrementar a oferta dos equipamentos deportivos da cidade, beneficiando tanto a actividade federada como o deporte base, e contribuíndo tamén á promoción de prácticas saudables entre a sociedade. Ao fío desta idea lembrou que o rocódromo de Lugo acollerá dúas probas de importancia como son o Campionato de España Infantil e Cadete de Escalada Deportiva (entre o 23 e o 25 de xullo) e a terceira e definitiva proba da Copa de España Absoluta de Escalada en Bloque (27 de novembro). Eventos, dixo, de gran importancia xa que cómpre lembrar que a escalada deportiva será olímpica en Toquio 2020.

No seu relatorio, Lete Lasa agaradeceu tamén o patrocinio da empresa lucense Torre de Núñez ao Equipo Galego de Novos Alpinistas que fixo entrega dun lote de roupa deportiva técnica. “É un orgullo ver que empresas da casa, empresas galegas, apostan polo deporte. O patrocinio deportivo ten un retorno importantísimo que axuda a calquera empresa a medrar económica e socialmente”, sentenciou.