Nova
10/07/2019
Institucionais

Lete Lasa presenta o Campionato de España por Clubs de Outriggers como un evento que xuntará "o mellor do remo olímpico nacional na mellor contorna posible"

O Campionato celebrarase do 12 ao 14 de xullo en Castrelo de Miño e contará coa participación de 73 clubs de remo de toda España (900 participantes) dos que un total de 13 -18%- son galegos

Ourense, 10 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na xornada de hoxe na presentación do Campionato de España por Clubs de Outriggers nas categorías infantil, alevín e veterano que terá lugar en Castrelo de Miño do 12 ao 14 de xullo. No acto levado a cabo na Deputación de Ourense, o secretario xeral lembrou como “en 1830 a chumaceira, que é a peza onde se apoia o remo e permite ao deportista executar a pada, pasou de ser de madeira a aceiro creándose os primeiros outriggers que co paso dos anos converteuse na nomenclatura que ampara a todas as modalidades de remo olímpicas”. Lete Lasa asegurou que “nesta fin de semana Castrelo de Miño acollerá o mellor das 14 modalidades do remo olímpico nacional na mellor contorna posible”.

Neste sentido, José Ramón Lete gabou unha instalación de primeira como o Parque Náutico de Castrelo de Miño que se asenta sobre unha zona privilexiada na que tamén destaca o entro de Adestramento de Remo de Laias, Arnoia y Castrelo de Miño (CERLAC) que xa foi visitado por moitas seleccións internacionais como España, Bielorrusia, Reino Unido, Rumanía o Australia.

O Campionato de España por Clubs de Outriggers contará coa participación de 73 clubs de remo de toda España dos que un total de 13 -18%- son galegos: o CN Castrelo de Miño, Club de Remo Ares, Club de Remo Narón, Club de Remo Ría de Marín, Club de Remo Ribadeo, Club de Remo Robaleira, Club de Remo Cedeira, Club de Remo do Miño, Club Remo Tui, Club Remo Vigo, CMM Noia, Regatas Salgado Perillo e Remo San Felipe.

Nas súas verbas, o secretario xeral destacou o “apoio decidido” da Xunta de Galicia ao remo como demostra a subida dun 35% do convenio asinado coa Federación Galega que se sitúa en 2019 en 116.000 euros grazas a achega da Secretaría Xeral para o Deporte (103.000 euros) e da Secretaría Xeral de Igualdade (13.000 euros) ou o incremento noutro 22% do convenio asinado coa Liga Galega de Traíñas que sobe ata os 110.000 euros.

O secretario xeral subliñou a importancia da presenza feminina neste deporte destacando como a a división feminina da LGT, que xa vai pola súa quinta tempada consecutiva, conta con 6 equipos, o máximo histórico. Ademais, o remo en Galicia conta con 2.433 licenzas, o número máis alto de toda a serie histórica e delas, o 31,5% son mulleres. Pola súa banda, dos preto de 900 participantes do Campionato de España por Clubs de Outriggers, o 40% son remeiras.