Nova
05/09/2019
Institucionais

Lete Lasa presenta o Torneo EncestaRías como "un dos campionatos de baloncesto máis importantes de Galicia e de toda España"

O 6 e o 7 de setembro o Alba de Berlín, o San Pablo Burgos, o Monbus Obradoiro e o Coosur Real Betis disputaranse un torneo que a Xunta patrocina cunha achega de 2.000 euros

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 4 de setembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe a quinta edición do Torneo EncestaRías que terá lugar os vindeiros 6 e 7 de setembro no pavillón de Fontecarmoa. Nas súas verbas, o mandatario galego definiu este evento como “un dos campionatos de baloncesto máis importantes de Galicia e de toda España” e destacou a Vilagarcía non só como o berce do fútbol galego, cando este deporte desembarcou dun cargueiro inglés en 1873, senón tamén como “un dos berces do baloncesto galego”.

O secretario xeral destacou a calidade dos equipos participantes que abrirán o torneo este venres coas semifinais entre o Alba de Berlín e o San Pablo Burgos e, por outra banda, o Monbus e Obradoiro e o Coosur Real Betis, partidos aos que asistirá Lete.

Do mesmo xeito, destacou a importancia do Campus EncestaRías, celebrado do 7 ao 13 de xullo para rapaces de 12 a 20 anos e que vén de consolidarse nesta segunda edición como unha iniciativa en prol do deporte base. O secretario xeral utilizou o exemplo que nos serven os máis pequenos xa que das 14.178 licenzas galegas de baloncesto, máis do 38% son de mulleres, unha porcentaxe que aumenta no programa Xogade xa que dos preto de 130.000 nenos e nenas, o 14% practica baloncesto e destes, o 43,5% son nenas.

O secretario xeral lembrou que neste 2019 a Xunta incrementa o convenio coa Federación Galega de Baloncesto que alcanza, sumada a axuda de Igualdade, os 288.822,47 euros, un 40% más que en 2018.

Imaxes relacionadas