Nova
02/09/2019
Institucionais

Lete Lasa presenta a Triple Corona Illas Atlánticas como “unha das probas máis duras de toda españa e a que conta coa contorna máis fermosa”

O secretario xeral para o Deporte, acompañado da directora xeral de Patrimonio Cultural, Belén do Campo, participou na presentación do evento patrocinado pola Xunta

O Grove (Pontevedra), 2 de setembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado da directora xeral de Patrimonio Cultural, Belén do Campo, participou na mañá de hoxe na presentación da segunda proba da Triple Corona Illas Atlánticas que o vindeiro 7 de setembro, unirá a Illa de Sálvora coa praia de Confín, no Grove, pasando polo espectacular illote de Areoso, na Illa de Arousa e cun percorrido de 19 quilómetros no que participarán máis de 160 nadadores e nadadoras de sete países (Arxentina, Portugal, Italia, México, Venezuela, Australia e España).

Lete Lasa asegurou que “tras a primeira edición da Triple Corona transcorrida nos veráns de 2015, 2016 e 2017, con esta segunda edición (2018, 2019 e 2020) afiánzase unha das probas máis duras de toda España e, sen dúbida, a que conta coa contorna máis fermosa, un dos lugares máis belidos do mundo”.

A proba realízase no contexto do Parque Nacional dás Illas Atánticas que a Xunta declarou como Área de Rehabilitación Integral (Ari) a principios de ano reforzando a súa aposta polo patrimonio natural e pola protección dos arquipélagos das Illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

Nas súas verbas o secretario xeral destacou que ademais das travesías, a Triple Corona ofrece “unha fin de semana para aproveitar todas as opcións dos paraísos naturais de Galicia: nadar, tomar o sol, a gastronomía, facer turismo polo parque nacional das illas atlánticas ou navegar“. Ademais, o mandatario galego asegurou que desde a Secretaría Xeral para o Deporte “cremos no deporte que convive en paz e harmonía coa natureza, co noso entorno e coa nosa sociedade”. Por iso, entre as actividades que desenvolven os organizadores destaca a limpeza da praia do Almacén a través da recollida de residuos, como xa se fixo no 2018 na praia de Rodas.

Triple Corona

A Triple Corona das Illas Atlánticas está formada por tres probas en tres rías diferentes (Vigo, Pontevedra e Arousa) ás que só poderán optar os deportistas mellor preparados que terán que enfrontarse a longas distancias e a temperaturas da auga duns 13 graos.

A primeira proba desta segunda entrega tivo lugar en 2018 e constou de 15 quilómetros, desde as illas Cíes ata a praia de Ribeira en Baiona que foron completados por un total de 160 nadadores entre os 18 e os 70 anos.

A última travesía deste segundo ciclo, no ano 2020, sairá da illa de Ons ata a localidade de Combarro, en Poio, nun recorrido de máis de 23 quilómetros, no que será unha das competicións a nado máis longas de España.