Nova
23/09/2022
Institucionais

Lete Lasa presenta a webinar do Cluster do Deporte sobre os fondos Next Generation que define como “imprescindibles” na recuperación do deporte

O secretario xeral para o Deporte apunta que, tan importante era a prevención e a precaución no momento máis virulento do coronavirus como o é agora o financiamento e o apoio para a recuperación total do deporte

Santiago, 23 de setembro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe o webinar ‘Fondos Next Generation: Prescrición de Exercicio Físico’, organizado polo Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar.

O mandatario galego apuntou a importancia da recuperación do deporte que, en Galicia apenas se viu afectado durante a pandemia e nunca chegou a deterse “grazas aos protocolos FISICOVID – DXTGALEGO e ao excelente comportamento de todo o tecido deportiv”. Neste sentido, Lete Lasa apuntou que, tan importante era a prevención e a precaución no momento máis virulento do coronavirus como o é agora o financiamento e o apoio para a súa recuperación total.

Deste xeito fitou cara os Fondos Next Generation que recibirá Galicia no compoñente 26 -Fomento do Deporte- que terán unha importancia capital para desenvolver actuacións orientadas a reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia. Así, Lete Lasa salientou o investimento de dixitalización, en concreto a actuación sobre a prescrición de exercicio físico para a saúde e enumerou algunhas das liñas que se levarán a cabo desde a Xunta de Galicia para acadar os fitos esixidos polo Plan de Transformación, Recuperación e Resiliencia.

O secretario xeral felicitou ao Clúster por cumprir cos obxectivos polos que foi creado, "pola súa achega na contribución do deporte ao proceso de mellora social, económica e competitiva de Galicia" e mirou con esperanza cara a creación da Conta Satélite do Deporte, coa implicación do Instituto Galego de Estatística que, sen dúbida,servirá para profundizar no noso sector, identificando con rigorosidade e poñendo en valor a súa indubidable valía como xerador de riqueza para o conxunto do país".

Lete Lasa destacou a potencialidade do sector deportivo -o 2,12% do PIB da Unión Europea e o 2,72% do total do emprego da Europa dos 27- e, nomeadamente, do sector deportivo galego do que destacou a súa capacidade de recuperación "tras unha época de dureza sen precedentes, fundamentada en axudas específicas".