Nova
20/05/2019
Institucionais

Lete Lasa presenta a XI edición do Torneo Alevín Galo Cup que como o galo de curral de Vila de Cruces "xa ten chamado a atención internacional dos mellores profesionais"

Os equipos que disputarán a fase final serán o Cristo de la Victoria SD, o Atlético Cuntis, o EF Portero 2000, o UD Santa Mariña, o Victoria FC, o AD Vila do Corpus, o SD Cruces, o CD Lugo, o RC Deportivo de la Coruña, o Real Valladolid CF, o Real Club Deportivo Celta de Vigo, o Real Sporting de Gijón, o FC Porto, o Sport Lisboa e Benfica, o Sporting Clube de Portugal e mais o Real Betis Balompié

Vila de Cruces (Pontevedra), 20 de maio de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na presentación da undécima edición do Torneo Alevín Galo Cup. Alí, o mandatario galego destacou como en 2008 este nacente Torneo de fútbol alevín “decidiu escoller por nome o do produto crucense máis afamado no mundo enteiro, o galo de curral”. “Un torneo que neste 2019 cumpre a súa undécima edición e que como o galo de curral de Vila de Cruces xa ten chamado a atención internacional dos mellores profesionais do seu ámbito”, engadiu.

Neste sentido destacou algunhas das mellores canteiras de futbolistas que teñen pasado ao longo destas once edicións polo campo do Camballón como as do Atlético de Madrid, do Deportivo, do Celta, do Vitória, do Valladolid, do Porto, do B etis ou mesmo a academia de fútbol inglés The Eight Academy.

Este ano, a organización da Galo Cup decidiu aumentar o número de equipos e en total serán 16 equipos os que xogarán a fase final -10 invitados pola organización e 6 clasificados na fase previa na que competiron un total de 24 equipos galegos-. Os equipos que disputarán a fase final serán o Cristo de la Victoria SD, o Atlético Cuntis, o EF Portero 2000, o UD Santa Mariña, o Victoria FC, o AD Vila do Corpus, o SD Cruces, o CD Lugo, o RC Deportivo de la Coruña, o Real Valladolid CF, o Real Club Deportivo Celta de Vigo, o Real Sporting de Gijón, o FC Porto, o Sport Lisboa e Benfica, o Sporting Clube de Portugal e mais o Real Betis Balompié.

O secretario xeral destacou asemade que na fase previa do torneo competiron tanto nenos coma nenas, “porque a Galo Cup é unha competición inclusiva, aberta a todo o mundo e que leva a igualdade por bandeira”. “Esa filosofía é a que defendemos desde a Secretaría Xeral para o Deporte, confiamos nun deporte plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas, enriquecedor da sociedade, transmisor de valores, xerador de noticias, formador, igualador, motor de cambio social e tamén axente económico determinante”, apuntou.