Nova
30/06/2022
Institucionais

Lete Lasa presume do nivel do motociclismo galego no Campionato de España de Supermoto no que tomarán a saída 80 pilotos

Valora a importancia de que “días despois do tremendo éxito acadado polos pilotos galegos de motocrós Jorge Prado e Rubén Fernández en Indonesia, uns 30 nenos e nenas que soñan con chegar tan alto como os seus ídolos se suban a unha moto en Forcarei para ser campións de España”

 

Forcarei (Pontevedra), 30 de xuño de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou esta mañá no Circuito da Madalena na presentación do Campionato de España de Supermoto que se celebrará esta fin de semana e que reunirá a preto de 80 pilotos de toda a península, así como Francia, Italia ou Brasil.

O mandatario galego destacou que “días despois do tremendo éxito acadado polos pilotos galegos de motocrós Jorge Prado e Rubén Fernández en Indonesia, uns 30 nenos e nenas que soñan con chegar tan alto como os seus ídolos se suban a unha moto en Forcarei para ser campións de España”. Dos 80 pilotos participantes, ao redor de medio centenar de máis de 15 anos participarán nas dúas categorías de adulto (terra e asfalto) e 30 rapaces e rapazas de 6 a 14 anos participarán noutras dúas categorías infantís.

Lete Lasa destacou o “incrible nivel do motociclismo galego con galegos e galegas triunfando por todo o planeta”, unha situación que é extensible a todos os deportes de motor, nos que Galicia tamén organiza algúns dos mellores eventos do mundo.

Mañá venres tenrán lugar os adestramentos libres, o sábado será xa a actividade oficial cos adestramentos cronometrados polo serán e o domingo terán lugar as carreiras a partir das 10 da mañá. A Xunta de Galicia colabora co Moto Club VFM, patrocinador principal, na organización e financiamento do Campionato de España de Supermoto.