Nova
09/01/2021
Institucionais

Lete Lasa recibe ao cangués Tomás Vieito, campión de España de windsurf IQ-Foil e principal baza olímpica para Toquio e París

  • Esta aposta da Xunta enmárcase no pulo aos deportes minoritarios e aos deportes urbanos que están a experimentar en Galicia un crecemento importante

Santiago, 9 de xaneiro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu ao deportista cangués Tomás Vieito, campión de España de windsurf na modalidade IQ-Foil. Tomás Vieito é a principal baza olímpica do equipo nacional para os aprazados Xogos de Toquio 2020 e para París 2024.

O mandatario galego subliñou que é “todo un orgullo” que un deportista galego “sexa o campión de España dunha modalidade tan de moda como o windsurf e que ademais, certifica a posición de Galicia como referente nacional e internacional dos deportes náuticos”. “É un orgullo que deportistas como Tomás leven a bandeira de Galicia por todas as augas do mundo e falen tan ben da calidade do noso deporte”.

Cómpre salientar que a Secretaría Xeral para o Deporte vén axudando a Tomás Vieito na adquisición de material e demais gastos xerados da súa actividade deportiva pola que debe desprazarse a distintos lugares do mundo para a realización das probas selectivas. Esta aposta da Xunta enmárcase no pulo aos deportes minoritarios e aos deportes urbanos que están a experimentar en Galicia un crecemento importante.