Nova
31/07/2019
Institucionais

Lete Lasa recibe en Maceda a Iván Feijóo e Carlos Canal, “dous virtuosos da bicicleta de montaña e do ciclocross que están poñendo a Galicia no mapamundi deste deporte”

A recepción tivo lugar no pump track indoor construído na antiga nave de hípica Os Secos grazas a unha achega da Xunta de Galicia de 60.453,49 euros

Maceda (Ourense), 31 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu no serán de hoxe a unha representación do Club Ciclista Maceda encabezada polo director técnico da Escola José Antonio Hermida, Xulio Conde, e polos deportistas do Academia Postal Maceda, Iván Feijóo e Carlos Canal, aos que o mandatario galego definiu como “dous virtuosos da bicicleta de montaña e do ciclocross que están poñendo a Galicia no mapamundi deste deporte”. Así tamén refiriuse a outro dos ciclistas máis destacados do club como é o caso de Pablo Rodríguez.

O responsable do deporte galego destacou o palmarés destes dous deportistas que “conseguiron uns resultados nunca antes acadados na nosa comunidade nin no noso país e que de seguro seguirán aumentando grazas a mocidade dos dous ciclistas”.

De Iván Feijóo destacou os seus campionatos de España en ciclocross e BTT, así como o seu décimo sétimo posto nos Campionatos do Mundo Sub 23 de Dinamarca, o seu oitavo posto no Campionato do Mundo Júnior CX Zolder e o noveno posto na Copa do Mundo Júnior CX Namur, ambos os dous en Bélxica e todos eles en ciclocross.

Pola súa banda, Carlos Canal, tamén se proclamou campión de España en varias ocasións, tanto en ciclocross como en BTT. Lete Lasa fixo fincapé no seu sétimo posto acadado nos Campionatos do Mundo Júnior de Dinamarca, o segundo posto na Copa do Mundo Ciclocross Júnior de Holanda e o terceiro posto na Copa do Mundo Ciclocross Júnior Pont Chateau (Francia), éxitos conseguidos no ciclocross e sendo a primeira vez que un ciclista español conseguía subirse a un podio mundial.

Un gran club cunha gran historia

O secretario xeral gabou ao Club Ciclista Maceda como un “exemplo de canteira do deporte galego do que saen excelentes deportistas que serven como exemplo para a nosa sociedade e os nosos pequenos”. O Academia Postal Maceda foi gañador do Open de España por equipos en 2018. No 2019 quedou en terceiro lugar e de segundo no 2017.

O equipo ourensán recibe un total de máis de 10.000 euros (10.148,31 euros) ao abeiro do Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición da Fundación Deporte Galego. A Federación Galega de Ciclismo recibe neste 2019 un total de 193.630,63 euros da Secretaría Xeral para o Deporte, o que representa un aumento do 22% con respecto a 2018.

A recepción tivo lugar no pump track indoor construído na antiga nave de hípica Os Secos grazas a un convenio asinado o pasado 16 de setembro de 2016 polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e mais o alcalde do Concello de Maceda, Rubén Quintáns. A Secretaría Xeral para o Deporte financiou integramente esta actuación cunha achega de 60.453,49 euros.