Nova
26/09/2019
Institucionais

Lete Lasa recibe á selección galega de Squash antes do torneo nacional de Fuengirola e transmite os seus parabéns a Borja Golán, recente subcampión de Europa en Romanía

Santiago, 26 de setembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de recibir á selección galega de squash que participará esta fin de semana no Torneo Nacional de Seleccións Autonómicas que se celebrará en Fuengirola (Málaga). A recepción estivo encabezada polo presidente da Federación Galega de Squash, José Carlos Noya e o deportista Borja Golán, ao que transmitiu os seus parabéns tras proclamarse subcampión de Europa hai tres semanas en Romanía.

A delegación galega estaba formada ademais polas integrantes da selección feminina: Marta Domínguez Fernández, María Domínguez Fernández, Inés Gómez Valois e Catuxa Codesido Pérez, así como polos integrantes do combinado masculino: Pascal Gómez Valois, Víctor Reguera e Pablo Quintana Estévez, que non puido asistir á cita.

A Federación Galega de Squash recibe neste exercicio 2019 a través do convenio asinado coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento da súa actividade deportiva un total de 30.379,32 euros que sumados aos 8.000 euros que recibe da Secretaría Xeral da Igualdade aumentan o apoio da Xunta nun 46% con respecto ao ano pasado. O número total de licenzas das que o 20% son femininas aumento na última tempada un 13%, ata chegar ás 356.