Nova
11/08/2020
Institucionais

Lete Lasa reclama un pacto polo deporte para as competicións estatais non profesionais

O secretario xeral insistiu unha vez máis no apoio e no amparo do Goberno galego a todos os clubs e federacións de Galicia e recordou que “o deporte de ámbito estatal é unha competencia estatal irrenunciable”

 

Santiago, 11 de agosto de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, reclamou hoxe nunha entrevista concedida á Televisión de Galicia a necesidade de que o Consejo Superior de Deportes se sente a falar coas federacións españolas e coas administracións autonómicas para acadar un gran pacto polo deporte para as competicións de ámbito estatal non profesional que axude aos equipos galegos desta natureza a esclarecer as súas dúbidas e coñecer cando e como regresar á actividade deportiva.

“Todos os equipos galegos que desenvolven a súa actividade en competicións de ámbito estatal non profesionais teñen que rexerse polos protocolos das federacións españolas pertinentes aprobados polo CSD, polo que pedimos solucións inmediatas que posibiliten que haxa igualdade na competición”, salientou.

Tras lembrar que neste momento, algunhas comunidades permiten o deporte con contacto, o secretario xeral lembrou que a Xunta de Galicia elaborou con todas as federacións autonómicas os protocolos FISICOVID-DXTGALEGO polo que se establecen as medidas para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 no ámbito do deporte federado de Galicia e tamén avanzou que “Galicia xa está a traballar na flexibilización de medidas para o deporte autonómico cando a situación epidemiolóxica o permita”.

Lete Lasa referiuse tamén á Resolución do 4 de maio de 2020, da Presidencia do Consejo Superior de Deportes, pola que se aproba e publica o Protocolo básico de actuación para a volta aos adestramentos e o reinicio das competicións federadas e profesionais. O CSD “preocupouse unicamente do deporte profesional, pero hai 4 millóns de licenzas de deportistas federados que se atopan no limbo”.

O secretario xeral insistiu unha vez máis no apoio e no amparo do Goberno galego a todos os clubs e federacións de Galicia e recordou que “o deporte de ámbito estatal é unha competencia estatal irrenunciable”.