Nova
05/04/2019
Institucionais

Lete Lasa reivindica a importancia da alimentación e da actividade física na consecución dunha sociedade saudable no 3º Simposio Internacional sobre Dieta Atlántica

Subliña a relevancia do Plan Galicia Saudable “co que a Secretaría Xeral para o Deporte traballa desde 2009, en colaboración con outros departamentos da Xunta de Galicia, e outras institucións públicas e privadas”

Santiago, 5 de abril de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe do 3º Simposio Internacional sobre Dieta Atlántica celebrado na compostelá Facultade de Medicina. O máximo responsable do Deporte galego fixo un repaso histórico para reivindicar, xa desde o século V a.c., a importancia da alimentación e da actividade física como “caras dunha mesma moeda, a saúde”. “A día de hoxe, a alimentación pouco saudable e a falta de actividade física son as principais causas das enfermidades non transmisibles máis importantes a nivel global, ademais de contribuír sustancialmente á carga mundial de morbilidade, mortalidade e discapacidade”, continuou.

​​O secretario xeral enunciou como unha “evidencia absolutamente sustentada” que a práctica da actividade física “contribúe a conservar a saúde e a autonomía persoal, a gozar de maior benestar e de calidade de vida, e a previr e reducir a presenza das enfermidades crónicas non transmisibles relacionadas coa inactividade física, desde a infancia ata a vellez”. Para acadar este reto, Lete Lasa solicitou a “participación e colaboración dos distintos ámbitos afectados, tanto no público como no privado” para “alcanzar as recomendacións estandarizadas procedentes de la OMS”.

Neste sentido, o titular da carteira deportiva da Xunta, subliñou a relevancia do Plan Galicia Saudable “co que a Secretaría Xeral para o Deporte traballa desde 2009, en colaboración con outros departamentos da Xunta de Galicia, e outras institucións públicas e privadas” que posibilita unha poboación galega máis activa e saudable xa que “en calquera idade, en calquera circunstancia persoal ou social, a actividade física mellora a saúde de todos”.

Cara a fin do seu discurso, o secretario xeral agradeceu o “traballo realizado pola Consellería de Sanidade, Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Dieta Atlántica e Vegalsa-Eroski”.