Nova
15/04/2021
Institucionais

Lete Lasa reivindica o “deporte para toda a vida” na presentación do Campionato de España Infantil de Karate de Ourense

  • Participarán preto de 700 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e xuvenil dos que 44 serán deportistas galegos de 15 clubs da comunidade

Ourense, 15 de abril de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron na presentación do Campionato de España Infantil de Karate que terá lugar na cidade das Burgas do 16 ao 18 de abril. Nas súas verbas, Lete Lasa destacou a importancia do “deporte para toda a vida”, un dos lemas do Plan Galicia Saudable que ten na plataforma DAFIS, unha das súas ferramentas máis importantes, orientada a toma de valoracións da actividade física e da saúde dos nenos para que tanto os seus profesores, como os seus pediatras e os responsables deportivos teñan acceso a estes datos e así establecer programas adecuados que contribúan á mellora da súa saúde.

Neste sentido tamén destacou como a Xunta de Galicia faise cargo do seguro deportivo escolar e federado para os nenos de entre 6 e 16 anos ou como o estudo do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña do SERGAS revela que a actividade física mellora substancialmente a forma física e a saúde dos nosos nenos e nenas e que os brotes detectados no deporte galego apenas afectan ao 0,2% dos equipos.

Por todo isto valorou a importancia da celebración deste Campionato Infantil en Ourense onde participarán preto de 700 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil e xuvenil (dende os 7 ata os 13 anos) dos que 44 serán deportistas galegos de 15 clubs da comunidade. O campionato terá lugar no Pavillón dos Remedios, unha instalación recentemente renovada pola Xunta de Galicia cun investimento de 2 millóns de euros.

O mandatario galego tivo tamén unhas verbas de lembranza para Carmiña Barro Pita, a que fora presidenta da Federación Galega de Karate e tristemente desaparecida en xaneiro de 2020. “Unha muller que dedicou boa parte da súa vida a promover o karate a nivel automómico, desde a presidencia da Federación Galega e a nivel estatal, desde a vicepresidencia da Federación Española. Carmiña foi, é e será parte da historia deste deporte tan nobre como o era ela”, sentenciou.

Por último, o secretario xeral comprometeu o seu traballo para seguir promovendo o karate para que, entre outros obxectivos, siga sendo olímpico tras os Xogos de Toquio 2020.