Nova
23/10/2021
Institucionais

Lete Lasa sinala aos deportistas como os grandes referentes que poden cambialo mundo na charla TEDx de Ares

Destaca os exemplos dos deportistas como algunhas desas ‘Persoas de referencia para construír unha sociedade mellor’

Ares (A Coruña), 23 de outubro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe no evento TEDx ‘Persoas de referencia para construír unha sociedade mellor’ no que se abordou a cuestión desde diferentes perspectivas como a científica, empresarial, social, deportivo ou política. No seu relatorio, o mandatario galego destacou que “son os deportistas os grandes referentes que poden cambiar o mundo”.

Segundo Lete Lasa, “a práctica deportiva une aos deportistas que se converten en exemplos para un cambio e unha evolución que desde logo son propias e persoais, pero sen dúbida tamén, nuns cambios e referencias que operan sobre o conxunto das súas comunidades”.

Para o secretario xeral, “o deporte mellora persoas e sociedades regalándonos imaxes e referencias icónicas na historia da humanidade desde os tempos da Grecia clásica”.

“O deporte mobiliza á sociedade e une por encima de barreiras nacionais e de diferenzas lingüísticas e culturais; o deporte ensina valores como o traballo en equipo, a autosuficiencia e autoestima, ou a resiliencia; o deporte fortalece o carácter e, por suposto, como xa sabían os nosos antepasados gregos, ten un efecto multiplicador na saúde, na educación e no desenvolvemento do liderado; o deporte crea conexións sociais e desafía os prexuízos, sempre tan prexudiciais. O deporte en definitiva, é no meu caso e no de millóns de persoas en todo o planeta, a auténtica referencia para construír unha sociedade mellor”, sentenciou.