Nova
23/07/2019
Institucionais

Lete Lasa sitúa a Galicia como “potencia mundial da vela onte, hoxe e mañá”

Define o campionato no que participan preto de 400 regatistas -de entre 15 e 24 anos- de 200 barcos provenientes de 23 países de catro continentes, como “outro momento histórico da vela de Galicia”

 

Vilagarcía (Pontevedra), 23 de xullo de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na vilagarciana Praza de Galicia na inauguración do Europeo Júnior de 420 e 470 que terá lugar na Ría de Arousa desde hoxe ata o vindeiro 30 de xullo. Nas súas verbas destacou que Galicia “é unha potencia mundial na vela onte, hoxe e mañá”.

No seu relatorio, o mandatario galego fixo un resumo da historia da vela galega destacando fitos como o primeiro regatista galego en competir nuns Xogos Olímpicos, Alfredo Vázquez en Barcelona 92 xunto ao actual monarca Felipe VI; a volta ao mundo do Galicia 93 Pescanova de Javier de la Gándara; o mellor resultado dun veleiro español na Volvo Ocean Race colleitado por Pedro Campos en 2018 ao rematar en segunda posición; ou as catro medallas de ouro de Antón Paz, Fernando Echavarri, Sofía Toro e Támara Echegoyen.

Sen todos estes logros, dixo, “sería imposible configurar unha xeración de rapaces e rapazas como os Wizner, Ameneiro, Ripoll, García, Rodríguez, Marra ou Suárez que hoxe dominan as augas internacionais”. E tamén “sería imposible inaugurar o Europeo Júnior de 420 e 470 nesta magnífica dársena do Centro Galego de Vela en Vilagarcía de Arousa”. Lete Lasa definiu este campionato como “outro momento histórico da vela de Galicia”.

O Europeo Júnior 420 e 470 conta cunha axuda da Xunta de 38.000 euros que complementa o convenio asinado coa propia Federación e que neste 2019 e que ascende ata os 312.000 euros, sendo a cuarta federación que máis orzamento recibe da Xunta. No Europeo participan preto de 400 regatistas -de entre 15 e 24 anos- de 200 barcos provenientes de 23 países de catro continentes: Europa, Asia, Estados Unidos e Oceanía.