Nova
20/07/2019
Institucionais

Lete Lasa solicita a cooperación entre todas as administracións para acadar un deporte “plural, diverso, para todos e para todas’ na entrega de trofeos da I Regata solidaria inclusiva ‘Vigo a vela’

Lembra que a Xunta traballa “día a día para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional” e recorda que neste 2019, a Federación Galega de Deporte Adaptado recibe un total de 78.882,74 euros, o que representa un 26% máis que o destinado en 2018

Vigo, 20 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na entrega de trofeos da I Regata Solidaria Inclusiva ‘Vigo a Vela’ celebrada na dársena deportiva do Real Club Náutico de Vigo. Alí, o mandatario galego reivindicou o deporte “plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas, enriquecedor da sociedade, transmisor de valores, formador, igualador e motor de cambio social” e advertiu que “para acadar este deporte temos que traballar día a día e unir as nosas forzas todas as administracións públicas, empresas galegas e a sociedade en xeral”.

No seu relatorio, Lete Lasa lembrou que a Xunta de Galicia traballa “día a día para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional” e salientou que desde a Secretaría Xeral “o faremos do mellor xeito que sabemos: garantindo á accesibilidade ao deporte”. Neste 2019, a Federación Galega de Deporte Adaptado recibe un total de 78.882,74 euros, o que representa un 26% máis que o destinado en 2018.

O obxectivo da Xunta, ao igual que o da regata, é “favorecer a integración social de persoas con discapacidade”. De feito desde 2017 a Secretaría Xeral traballa coa Fundación ONCE na inserción laboral dos deportistas galegos de alto nivel, con ou sen discapacidade, e anunciou que a plataforma ‘Eu son DGAN’ mellorará nas vindeiras datas grazas ao apoio do PROAD do CSD e coa creación da Oficina de Atención ao Deportista que se inclúe no decreto de alto nivel que verá a luz antes da fin de 2019.

Na I Regata Solidaria Inclusiva competiron dez embarcacións de vela con tripulación mixta xa que ademais de participar o equipo profesional integrouse en cada barco a cinco persoas dunha entidade galega que traballe con discapacidade.