Nova
04/04/2019
Institucionais

Lete Lasa subliña "a humildade e o traballo" como factores que fixeron medrar o número de inscritos da Vig-Bay nun 800% en vinte anos

Destaca que no primeiro ano da Vig-Bay, no ano 2000, a carreira contaba con 613 persoas anotadas e nesta edición de 2019 xa se superan os 5.500 inscritos

Vigo, 4 de abril de 2019-​ O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación oficial do XX Medio Maratón e I Maratón Gran Baía Vig-Bay que se celebrou no Auditorio da Sede Central de ABANCA. Alí subliñou a “humildade e o traballo” como “dúas características coas que calquera persoa no mundo do deporte xa ten moito gañado”. “Ese é o espírito que intentamos transmitir desde o deporte galego e desde esta Vig-Bay que por primeira vez acollerá a distancia de maratón, nunha fermosa homenaxe a Carlos Pérez, unha das nosas iconas do atletismo”, engadiu.

Neste sentido fitou de novo cara “a humildade e o traballo” como o camiño polo que a Vig-Bay converteuse “na gran proba que é hoxe”.” Comezou a súa andaina no ano 2000 con 613 persoas anotadas e nesta edición de 2019 xa se superan os 5.500 inscritos, un 800% máis que hai 20 anos”, sentenciou.

Cara a fin do seu relatorio, o secretario xeral agradeceu aos alcaldes de Vigo, Nigrán e Baiona, así como a todos os patrocinadores privados, a súa aposta polo deporte. Deste xeito, valorou as múltiples posibilidades destes tres concellos dos que dixo ser “o noso particular triángulo das Rías Baixas de natureza, bo tempo, cultura, patrimonio, turismo e agora tamén deporte”.