Lete Lasa visita o Concello de Soutomaior (Pontevedra) para supervisar o estado final da pista de pádel que a Xunta renovou por importe de 30.000 euros
Celebra o éxito da cooperación entre administracións para a mellora da instalación xa que a práctica do pádel no municipio atópase nun “excelente momento que conta con equipos masculino e feminino federados e cun gran número de veciños de todas as idades que reciben as clases impartidas no complexo”
Soutomaior (Pontevedra), 29 de xullo de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou esta mañá o concello pontevedrés de Soutomaior para supervisar, xunto ao alcalde Agustín Reguera, o estado final da pista de pádel de formigón que a Xunta de Galicia ten substituído por unha pista semipanorámica de vidro no barrio da Montesiña. A modernización da pista de pádel constou da devandita substitución do muro de formigón por unha nova montaxe con vidro e estrutura metálica prefabricada, cambio de chan de céspede artificial e substitución da iluminación de haloxenuro por led de menor consumo e maior rendemento. A obra contou cun importe total de 30.000 euros dos que a Xunta de Galicia achegou 20.000 euros e o concello, os restantes 10.000.
A pista de pádel é unha das primeiras instalacións deportivas executadas na área deportiva da Montesiña, xunto co pavillón deportivo. O secretario xeral celebrou o éxito da cooperación entre Goberno galego e goberno local para a mellora desta instalación deportiva xa que a práctica do pádel no municipio atópase nun “excelente momento que conta con equipos masculino e feminino federados e cun gran número de veciños de todas as idades que reciben as clases impartidas no complexo”. O máximo responsable do Deporte galego puxo esta instalación como exemplo da aposta e do traballo do concello en prol da vida activa e saudable dos cidadáns e cidadás.
A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, na provincia de Pontevedra realizaranse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.