Nova
31/03/2023
Institucionais

Lete recibe aos internacionais Ángel Suárez (descenso BTT) e Ricardo Ramilo (automobilismo) que en 2023 contarán co patrocinio da Xunta

Do mesmo xeito mantivo un encontro coa nova presidenta da Federación Galega de Montañismo, Josefina Maetsu, no que acordaron potenciar a escalada e o sendeirismo

Vigo, 31 de marzo de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo na mañá de hoxe senllos encontros de traballo con dous deportistas internacionais que contan co patrocinio da Xunta de Galicia.

Por unha banda, o ciclista vigués Ángel Suárez é un dos dous únicos españois que compite na Copa do Mundo de Descenso BTT e, neste 2023. Pola outra banda, Ricardo Ramilo, participa na Copa do Mundo de baixas en area, tras dúas participacións no Rally Dakar.

Lete Lasa destacou como, grazas ao traballo do deporte galego, xorden día tras día novos deportistas galegos recoñecidos internacionalmente. Neste sentido valorou a gran sona do automobilismo galego, que xa conta con grandes representantes internacionais, así como do ciclismo en todas as súas modalidades, ben sexa MTB, ciclocrós ou estrada.

Aposta pola marcha nórdica e a escalada

Nesta xornada de venres, o secretario xeral para o Deporte tamén mantivo unha xuntanza coa nova presidenta da Federación Galega de Montañismo, Josefina Maetsu, na que estudaron a colaboración e a planificación da tempada 2023. Neste sentido, secretario xeral e presidenta decidiron reforzar a aposta pola escalada, disciplina olímpica dende Toquío 2020 e que conta con grandes representantes galegos como Erik Noya; así como o sendeirismo e a marcha nórdica, unha especialidade moi completa e que cada día conta con maior número de participantes.

Cómpre sinalar que a Federación Galega de Montañismo recibirá neste 2023 un total de 32.237 euros con cargo ao convenio de colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte, un 14% máis que en 2022 cando recibiu 28.374 euros neste aspecto.